Saturday 16 de November de 2024

Vimianzo convoca axudas para adquirir material escolar e roupa para o curso que vén


A convocatoria está dirixida ao alumnado de infantil, primaria, secundaria e, este ano, amplíase tamén aos cursos de bacharelato e ciclos formativos

O Concello de Vimianzo convoca axudas para mercar material escolar e roupa no inicio do curso 2020-2021. As subvencións están dirixidas ao alumnado cuxa familia non dispoña de medios económicos para facer fronte a este tipo de gastos.
Coas axudas as familias vimiancesas que o precisen poderán adquirir libros de texto, material escolar, material musical e informático, así como roupa e calzado para os alumnos e alumnas matriculados en centros escolares públicos de infantil, primaria e secundaria. Este ano o alumnado de bacharelato e ciclos formativos medios e superiores tamén poderán solicitar estas axudas para o curso 2020-2021.
As subvencións van dirixidas ás unidades familiares do municipio cuxos membros conten cunha renda per cápita por debaixo dos 9.000 euros anuais. Con esta medida o goberno local busca promover a igualdade e o benestar social e paliar as diferenzas sociais, o risco de exclusión e, á súa vez, a integración no sistema educativo. Para conseguilo incrementouse o orzamento dirixido a estas axudas, pasando dos 20.000 euros da pasada convocatoria aos 35.700 euros da actual.
“Con estas axudas queremos favorecer o acceso á educación, que debe ser un dereito para todas aquelas persoas que queiran formarse independentemente da súa situación económica” indica a alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez.
Para que as nais, pais ou titores legais poidan solicitar estas axudas, o estudante deberá estar empadroado no municipio e cursar algún dos ciclos educativos mencionados con anterioridade.
O prazo de solicitude está aberto desde hoxe ata o 30 de setembro. As solicitudes poderanse facer de forma telemática, a través da sede electrónica do Concello, e no rexistro xeral.
Poderase solicitar información e resolver dúbidas no departamento de Servizos Sociais do Concello.