Saturday 16 de November de 2024

Rodríguez Miranda e Veiga Copo sosteñen unha nova reunión de traballo co cónsul xeral de Cuba, José Antonio Solana


A intención desde Emigración e a área de Internacionalización do IGAPE é intensificar os contactos regulares que veñen mantendo con Cuba, e reforzar as relacións no ámbito cultural, institucional e comercial

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo director de Internacionalización do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), Abel Veiga Copo, mantiveron unha nova reunión de traballo co cónsul xeral de Cuba en Galicia, José Antonio Solana Fernández, dando así continuidade aos encontros regulares que manteñen as administracións cubana e galega, e que se viron reforzados trala visita á república iberoamericana por parte do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Trátase dun novo paso para manter o contacto permanente entre as institucións dun e doutro lado do Atlántico, co gallo de fornecer o interese mutuo polas comunidades de cidadáns en ambos países, coma para profundizar nas posibilidades de expansión das actuais relacións no ámbito cultural, institucional e comercial.

Así, no ánimo dos gobernos de ambos países está facer posible a intensificación na actividade, e o afán de cooperación, por parte dos emprendedores e entidades galegas con presenza xa na illa, para colaboraren coa carteira de proxectos empresariais e industriais que a Administración cubana ven de presentar á galega como estratexia de expansión económica prioritaria a curto prazo.

Tanto desde o punto de vista da colectividade galega na illa (máis de trinta mil cidadáns galegos de dereito), como das relacións empresariais, o actual Goberno galego ten amosado sempre estas relacións como unha prioridade na súa axenda internacional, e moi nomeadamente no ámbito do traballo da Secretaría Xeral da Emigración.

Agora que certos atrancos que existían no escenario internacional nas relacións de Cuba parecen ir desaparecendo, cómpre lembrar que Galicia foi pioneira no establecemento de canles de comunicación estables coas institucións cubanas, polo que “as e os galegos queremos seguir sendo punta de lanza na vinculación coa illa neste novo tempo”, segundo transmitiu Rodríguez Miranda ao cónsul xeral.

Os contactos institucionais entre os altos cargos da Xunta e mailo representante da Administración cubana en Galicia continuarán e é intención de ambas partes intensificalos a curto prazo, tamén con encontros na República de Cuba.