A actividade completou o aforo, quedando incluso lista de agarda
Un total de 230 persoas gozaron onte dunha Noite Velada, atípica, pero moi especial en Ponte Ledesma. A Ponte Medieval iluminouse novamente con 300 candeas proporcionando un ambiente único para o concerto de A Banda da Loba.
O Campo do Río acondicionouse de tal xeito que o público se puidese distribuír en cadeiras dispostas coa distancia de seguridade pertinente. Dende os controis de acceso asegurouse que todas as persoas asistentes cumprisen coas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19.
Esta actividade completou o seu aforo de 230 persoas aos poucos días de abrírense as inscricións. A Banda da Loba amenizou esta Noite Velada cunha completa actuación que durou, aproximadamente, unha hora e media. A agradable temperatura, a boa música e o ambiente levaron a que esta cita rexistrase todo un éxito de convocatoria e a que o público pedise varios bises á agrupación.
Dende o Concello de Boqueixón amósanse moi satisfeitos pola excelente resposta por parte da veciñanza a esta iniciativa. Ademais, agradecen que todas as persoas asistentes cumprisen coas medidas de seguridade.