Friday 22 de November de 2024

O medio ambiente e a reciclaxe protagonizarán a última quenda dos campamentos de verán de Carral


Os nenos e nenas participarán en actividades de multideporte, socioculturais, excursións, de concienciación ambiental e reciclaxe.

O Concello de Carral levará a cabo, entre o 17 de agosto e o 4 de setembro, a 3ª e última quenda dos seus campamentos de verán. Nesta ocasión, a proposta busca concienciar aos pequenos e pequenas sobre o coidado do medio ambiente, a ecoloxía e a reciclaxe. Como nas dúas primeiras convocatorias, a vindeira está rexida por un completo protocolo con medidas hixiénico-sanitarias para garantir a seguridade dos nenos e nenas.

Ao longo desta quenda, os nenos e nenas -de entre 3 e 15 anos- participarán en actividades multideporte, socioculturais, de concienciación ambiental, reciclaxe e en excursións.

O prazo de inscrición rematará o xoves, 13 de agosto. As persoas que precisen máis información poderán chamar aos teléfonos 981 67 25 80 ou ao 981 11 70 20. Así mesmo, poderán enviar un correo a casadacultura@carral.es ou omix@carral.es

Protocolo de seguridade

O Concello reforzou, este verán, a súa aposta polas actividades e medidas de conciliación. Como explican desde o goberno local, “considerabamos necesario reforzar as actividades de conciliación pero na situación actual, a seguridade é, máis que nunca, a máxima prioridade. Por iso, reaxustouse a organización dos campamentos aplicando un completo protocolo”.

Estas actividades estanse a levar a cabo no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no local interxeracional co fin de cumprir coas distancias de seguridade. Para acceder a estes recintos, os participantes teñen que desinfectar calzado e mans e someterse, así mesmo, á medición da temperatura.

Os cativos e cativas maiores de 6 anos deben empregar a máscara de xeito obrigatorio, agás naqueles casos nos que os presenten algunha patoloxía que impida este uso. No caso das excursións, todos os nenos e nenas, con independencia da súa idade, deben levar a máscara de protección no autobús, tal e como indica a normativa. Unha vez dentro do recinto dos campamentos, os rapaces e rapazas están separados en grupos formados por un máximo de 10 participantes.