Saturday 16 de November de 2024

A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética de 15 Centros de Saúde da provincia da Coruña


As Consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Sanidade firmaron un acordo marco para desenvolver proxectos de enerxías renovables térmicas que permitirán aforros importantes nas facturas

As Consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Sanidade, impulsaron un acordo marco para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables nun total de 15 centros de saúde da provincia da Coruña que permitirán mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e importantes aforros nas súas facturas enerxéticas.
O acordo recolle 15 actuacións cun orzamento de 850.000 euros para substituír os sistemas actuais que utilizan gasóleo, propano e acumuladores eléctricos por caldeiras de biomasa nos seguintes centros: Caranza, Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Pedroso, Pontedeume, Serantes e San Sadurniño (na área de Ferrol); o centro de Ponteceso e o PAC de Carballo, (na área de Bergantiños-Costa da Morte); os centros de saúde de Bertamiráns, Ordes e Val do Dubra, (na área de Santiago); e o centro de saúde de Boiro na comarca do Barbanza..
Este acordo enmárcase nos proxectos de enerxías renovables que a Xunta está impulsando en edificios da administración pública autonómica, como xa se fixo coa sinatura doutros acordos marco coas Consellerías de Educación, de Política Social ou de Turismo dentro da aposta decidida do Goberno galego por fomentar un cambio cultural no que se prioricen tanto o uso das enerxías renovables como actuacións e hábitos tendentes ao aforro enerxético. Deste xeito, ademais destes proxectos tamén se convocan axudas dirixidas a familias, empresas e entidades locais e sen ánimo de lucro.
Neste sentido, destaca a Estratexia da biomasa posta en marcha no ano 2014, co obxectivo de promover o uso deste recurso limpo, autóctono e renovable co que se conseguen aforros de ata o 60% con respecto a outras fontes de enerxía como o gasóleo, ademais de poñer en valor o monte galego, favorecendo a xestión forestal. Esta Estratexia xa ten permitido, no período 2014-2019, apoiar a instalación de 7000 caldeiras con aforros de 14M€ anuais.