Friday 22 de November de 2024

Ribeira recupera as viaxes en catamarán á Illa de Sálvora os mércores de agosto


O CONCELLO OFRECE EN AGOSTO E SETEMBRO RUTAS GUIADAS GRATUÍTAS POLO PARQUE DE SAN ROQUE E POLO MIRADOIRO DE PEDRA DA RA E CASTRO DA CIDÁ
A partir do vindeiro mércores día 12 e ao longo dos restantes mércores deste mes de agosto, aqueles que o desexen terán a oportunidade de participar en viaxes en catamarán ata Sálvora e coñecer os segredos desta xoia do Parque Nacional Illas Atlánticas.
A iniciativa foi dada a coñecer esta mañá no icónico miradoiro de Pedra da Ra no transcurso da presentación da programación turística municipal para os meses de agosto e setembro: un acto que contou coas intervencións dos concelleiros de Turismo e Xuventude, Ramón Doval e Juana Brión; da coordinadora do servizo de información turística do Concello, Sandra Fernández; e de Ana
Pérez en representación das empresas Golfiño e Turimares.

Degustación
Precisamente Ana Pérez foi quen explicou as características desta iniciativa denominada “Viaxes máxicas a Sálvora”. As saídas terán lugar ás 10 horas e os retornos ás 14.30 horas no porto de Ribeira.
As visitas serán guiadas por persoal especializado. O catamarán ten unha capacidade de 145 persoas pero de ser necesario se podería dispoñer dunha embarcación máis grande. Durante a travesía marina os viaxeiros terán a oportunidade de disfrutar dunha pequena degustación de mexillóns ao vapor e viño branco.
En canto ás inscricións, pódense formalizar no numero de teléfono 630 065 790, nas oficinas da empresa Golfiño no Touro ou a través da web de Turimares cruceirosdoulla.com. O custe de cada viaxe é
de 20 euros (de 10 no caso de menores ata 12 anos). Beneficio da hostalería e comercio
Ana Pérez agradeceu as facilidades postas polo Concello para que puidese ver a luz esta idea na que levaban traballando moito tempo, en tanto que o concelleiro de Turismo, Ramón Doval, puxo en valor a colaboración público-privada para lanzar unha iniciativa que ao seu xuízo redundará moi positivamente a prol do comercio e a hostalería do municipio, ao igual que as rutas guiadas gratuítas organizadas dende o Concello e que foron dadas a coñecer pola técnica Sandra Fernández.
Así, todos os venres de agosto e setembro en horario de 11 a 12.30 horas haberá rutas guiadas polo Miradoiro de Pedra da Ra e o Castro da Cidá, ofrecendo así a experiencia de gozar dunhas vistas inmellorables do complexo dunar de Corrubedo e do arquipélago de Sálvora, ademais de coñecer un dos xacementos castrexos máis antigos de Galicia. Por outra banda, todos os martes de agosto e
setembro ofreceranse rutas polo parque periurbano de San Roque para mergullarse na prehistoria da nosa contorna.
En ambos casos cómpre facer a inscrición na Oficina de Turismo do Malecón, que abre de xoves a martes en horario de 11 a 14 e de 18 a 21 horas. Por suposto, as rutas están adaptadas aos protocolos covid e o uso da mascarilla é obrigatoria.
Por último, Juana Brión anunciou unha actividade promovida dende Xuventude: unha ruta en catamarán a Sálvora o domingo 16 de agosto que sairá do porto ribeirense ás 11.30 horas e regresará ás 19 horas. Con tal motivo, poderán participar os nenos e nenas acompañados por un ou dous adultos, e tamén os mozos con idades entre 18 e 30 anos sen necesidade de acudir con menores a cargo. A inscrición é gratuita e pode formalizarse no Espazo Xuvenil ou ben telematicamente neste enlace https://forms.gle/NYHXwpxh4yn9eCrU7 a partir de mañá sábado ás 12 do mediodía.
Aínda que se pode anotar calquera persoa interesada terán prioridade as empadroadas en Ribeira. O aforo son cen prazas que con esta salvedade se irán cubrindo por orde de inscrición.