As portavoces da entidade aseguran que sen a axuda da institución provincial terían que prescindir dalgunha das actividades que ofrecen aos socios
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou coa Asociación Coruñesa de Promoción del Sordo (Acopros) un convenio polo cal a institución provincial achegará 20.605 euros á entidade para sufragar os gastos do servizo de logopeda bilingüe que oferta a asociación aos menores.
A presidenta de Acopros, Milagros Quintián Lagares, sinalou que grazas a esta contribución pódense manter todas as actividades que actualmente leva a cabo a asociación para favorecer o desenvolvemento de nenos e nenas con problemas auditivos. “Pretendíamos manter este servizo polos bos resultados que dá, pero teríamos que renunciar a outros”, sinalou Quintián, que engadiu que “o convenio ten sido unha salvación”, polo que agradeceu o compromiso da institución provincial.
Non é a primeira vez que a Deputación axuda a esta entidade, aínda que si con este proxecto. En anos anteriores colaborouse na adaptación da súa sede ás persoas con deficiencias auditivas eliminando as barreiras de comunicación coa instalación de equipos tecnolóxicos preparados para este fin.
Logopeda bilingue
Neste caso, coa contribución provincial poderase sufragar o 58,31% do salario de dous logopedas, un a xornada completa e outro a media xornada que ensinarán a nenos e nenas dende un ano a desenvolverse nunha linguaxe básica tanto en castelán como en galego antes de que vaian ao colexio.
Dende Acopros explican que, ao estar nun entorno no que se falan dúas linguas, é preciso que os menores dominen ambos idiomas. De cara a un futuro, Acopros ten a intención de comezar tamén este proxecto en inglés.