O Goberno galego notificou esta semana ás entidades beneficiarias a resolución das axudas destinadas a asociacións veciñais, comunidades de usuarios de auga e organizacións de mulleres rurais
A Xunta vén de informar esta semana ás entidades beneficiarias da resolución da convocatoria de axudas para 2020 do Plan Específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais.
As achegas do Goberno galego no marco desta orde supuxeron un investimento de máis de 185.000 euros na provincia de Coruña para 17 entidades. Das cales 10 son da área de Santiago dos concellos de Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra, Vedra, Negreira, A Baña, Touro e Ordes; 4 asociacións da comarca de Ferrolterra dos concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño; dúas entidades da comarca do Barbanza, dos concellos de Rianxo e Ribeira e unha asociación da área de Bergantiños-Costa da Morte, concretamente do concello de Zas.
No conxunto de Galicia, a Administración autonómica destinará a 190 asociacións o orzamento de 2,5 millóns de euros reservado para as axudas deste exercicio, o que supón un incremento das do investimento nun 70% respecto ao ano pasado.
As asociacións beneficiarias nesta orde poderán realizar a través destas subvencións obras de rehabilitación e acondicionamento nos seus locais e adquirir novos equipamentos cos que levar a cabo as súas actividades e a prestación de servizos aos veciños. Ademais, poderán mellorar o abastecemento de auga dalgúns núcleos .
A Xunta financia mediante as axudas deste plan actuacións que contribúan a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza e redunden na mellora do benestar dos cidadáns e da calidade de vida local. Desta forma, renova a súa aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal.
A contía deste ano con máis de 2,5 millóns de euros é a máis elevada xunto coa de 2016, cando se iniciou esta liña de subvencións. Neste período o Goberno galego leva investido no plan específico de acción comunitaria 10 millóns de euros.
Para as entidades veciñais e as organización de mulleres rurais, o plan conta cunha liña de subvencións para obras de mellora dos inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñan dereito de uso; e outra para a compra de equipamentos. Pola súa banda, as comunidades de usuarios de auga poden obter axudas a través deste programa para a execución de obras de reparación e mellora de traídas veciñais de auga.