Friday 22 de November de 2024

O Goberno local de Fene aposta por axilizar a xestión do actual orzamento e comezar 2021 con contas adaptadas á nova situación socioeconómica


Fene adiantou a este mércores pola mañá o pleno que debería celebrarse hoxe xoves pola tarde, festivo local. Foi unha sesión longa marcada polas cuestións financieiras na que quedou patente a intención do Executivo local de continuar coa prórroga do orzamento de 2019 en vez de preparar unhas novas contas que, de aprobarse ao longo de agosto, só terían vigor durante o derradeiro cuadrimestre do ano. En vez diso, o tripartito avoga por preparar orzamentos para comezos de 2021 e continuar co actual facéndoo máis axil, reformulando partidas e trasladando de unhas a outras fondos dispoñibles. Iso foi o que se fixo precisamente na sesión de onte por medio de dúas modificacións de crédito e tamén das bases de execución do orzamento prorrogado. Cambios que, entre outras cousas, permitirán incrementar nun 50% o importe das axudas destinadas ao tecido asociativo do municipio e darlle acceso ás achegas públicas a entidades asistenciais que foron e están sendo fundamentais na xestión da crise sanitaria.

Seguindo a orde en que se trataron os puntos do pleno atopamos que, en primeiro lugar, a Corporación lle deu o visto e prace -coa abstención do PP- a unha modificación de crédito por valor de 317.000 euros. A operación aprobada consiste en mover a outros apartados aqueles importes previstos no orzamento que non se chegaron a gastar, como foron, principalmente, os que estaban reservados para sufragar consumos das instalacións deportivas e centros de ensino pechados pola crise sanitaria.

Eses cartos aforrados poden agora transferirse a epígrafes do orzamento onde se cadra son máis necesarios. Neste sentido unha das partidas que sobe é a das subvencións en concorrencia competitiva para actividades relacionadas co ensino, a cultura e o deporte organizadas polos colectivos do municipio . O montante total pasa dos 81.000 euros reservados inicialmente a 121.500, o que supón un incremento dun 50%. Unha vez que a modificación orzamentaria entre en vigor, o Concello poderá lanzar a convocatoria das axudas, retrasada ata este momento tamén por causa da crise da COVID-19.

A proposta de modificación de crédito tamén serviu para afrontar no orzamento os 55.600 euros que lle toca poñer ao Concello no proxecto de aglomerado do acceso a Vilar do Colo desde Limodre, cofinanciado pola Xunta. Tamén se recolle na proposta a merca dun programa informático de xestión de taxas e impostos -algo máis de 40.000 euros- e, por último, 72.292 euros para satisfacer o consumo enerxético dun dos bombeos da EDAR de Punta Avarenta.

Redistribución dos convenios nominativos
Por outra banda, o Goberno local tamén sacou adiante en solitario un incremento das achegas nominativas, reforzando aqueles convenios que se suscribirán con entidades que desempeñaron -e desempeñan- un papel fundamental na xestión dos efectos da pandemia. É o caso de ASPANEPS, beneficiaria dunha axuda de 5.500€; da Asociación Dignidad, quen percibirá 5.000 euros por colaborar no programa municipal de alimentos; da ASCM, coordinadora da atención telefónica a persoas maiores (1.000 euros) ou o da Agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil, a quen se lle outorgan 6.000 euros de axuda. Neste apartado inclúese por primeira vez a Asociación do comercio, a hostalaría e servizos de Fene “O Cruceiro”, cunha achega de 10.000 euros para o desenvolvemento de accións que promovan o consumo nos establecementos locais.

Neste caso o pleno tivo que aprobar a modificación dun dos anexos das bases de execución do orzamento de cara a reequilibrar as cantidades fixas asignadas en 2019 a cada entidade. O cambio vén motivado porque, das 22 beneficiarias, polo menos cinco non van levar a cabo os programas que se lles ían financiar, 13 delas verán aumentada a axuda económica e as catro restantes percibirán a mesma cantidade que aparecía no documento orixinal.

A prórroga do orzamento manterase até comezos de 2021
Á variación das bases de execución do orzamento incorporáronse, ademais, cambios orientados a axilizar a xestión da economía municipal. Por un lado baixouse o nivel de vinculación das partidas co obxectivo de facilitar as transferencias entre elas sen necesidade de acudir ás lentas e complexas modificacións de crédito.

Tamén se estableceu que os contratos menores que excedan os 3.000 euros terán que contar con proposta razoada, polo menos tres orzamentos e adxudicarse por resolución da alcaldía. “O anterior goberno fixo contratos sen os requisitos de fiscalización mínimos, o que nos levou a ter que recoñecer facturas con meses de retraso e a que se incremente o período medio de pagamento a provedores. Para que iso non poida volver ocorrer reflectimos nas bases de execución esas obrigas procedimentais, que ademais redundan nun mellor control do gasto e en maior transparencia na contratación pública”, explica o edil de Facenda, Manuel Polo Gundín.

O concelleiro engade que as previsións do Goberno local apuntan a continuar co orzamento prorrogado o que resta de ano e aprobar o novo “se é posible” antes do seu remate para que entre en vigor a empezos de 2021. Segundo Manuel Polo “as circunstancias excepcionais que vivimos desde marzo fixeron inviable o proceso de participación e consulta co tecido social e incluso sería un contrasentido deseñar un orzamento sen coñecer o alcance da crise e as necesidades que se deberán cubrir desde o Concello. As próximas contas municipais terán que estar moi ben pensadas para responder a ese novo escenario socioeconómico. Mentres, nos meses que quedan, queremos que o actual orzamento sexa suficientemente áxil e flexible para atender todas as necesidades do día a día. Ademais ese tempo tamén fai falla para que Xunta e Estado aclaren ata que punto apoiarán as economías locais”.

Case 148.000 euros de achega municipal para o POS+
No apartado económico tratado no pleno de onte cómpre mencionar tamén a segunda modificación de crédito aprobada -desta vez por unanimidade- para suplementar a contribución municipal ás obras do POS+ provincial. Son 147.965,51€ sufragados con remanentes líquidos de tesouraría que se dedicarán a tres proxectos: a substitución de carpintarías exteriores e o amaño dos aseos da Casa do Concello, á pavimentación e mellora de servizos da rúa Alcalde Gerardo Díaz e ao firme e o saneamento no lugar de Cornide.