O turismo está notando os efectos da pandemia, sobra dicilo. As cifras indican un retroceso da afluencia aos destinos masificados, sobre todo aos de praia, e tamén unha baixada importante do turismo estranxeiro e procedente de comunidades máis afastadas. A xente móvese, si, pero menos, e buscando lugares relativamente cercanos nos que gozar da natureza e de certa tranquilidade. E iso tamén se está percibindo en San Sadurniño, onde os principais espazos naturais e elementos do patrimonio rexistran nestes días un trafego paseniño pero constante de persoas que se achegan a nós á procura diso que se deu en chamar “turismo slow”.
Desa tendencia que propón desfrutar amodo das pequenas cousas que ofrece a paisaxe non escapa ningún punto do territorio do noso concello. Case todos os días é doado atopar visitantes en calquera das áreas recreativas, sexa pola mañá ou pola tarde: a de Santa Mariña do Monte, a de Lamas, a de Bardaos, no muíño de Tembrás (Ferreira), o Pozo de Lamas (Igrexafeita), as áreas de descanso preto da AG-64… espazos nos que ata hai pouco era difícil ver unha alma e que agora, neste novo escenario, son lugares de parada durante unhas horas ou durante toda unha xornada.
O perfil turístico que se está vendo durante este verán podería dividirse en tres grupos: familias con rapazada -ben soas ou xuntándose dúas ou tres-, parellas con idades entre os 25 e os 35 anos e pequenas pandillas de mozas e mozos con certa autonomía para se desprazar que recalan en San Sadurniño procedentes de vilas e cidades como Narón, Ferrol ou A Coruña.
O público familiar ou de maior idade ten querencia polo paseo fluvial, debido quizais á proximidade de bares e restaurantes que permiten combinar boa mesa e boa sobremesa cunha andaina pola sombra moi levadeira e deixando á cativería ao seu aire.
Porén, o rei indiscutible do turismo estival en San Sadurniño está sendo o castelo de Naraío e o entorno do Castro. A fortaleza medieval reabriu ao público menos dun mes antes da declaración do Estado de Alarma e coa entrada na “nova normalidade” converteuse en todo un descubrimento para moita xente ou nun “redescubrimento” para outra que xa estivera nel pero que non volvera desde que se mellorou a súa accesibilidade e se lle instalou unha estrutura que permite subir ao alto da torre.
Xa no momento da súa reapertura, o Concello insistía en recordar que o castelo son ruínas situadas nunha zona con grandes desniveis e con lugares esvaradíos. Por este motivo vólvese pedir que os percorridos se fagan seguindo os sendeiros deseñados e que, no caso de facer a visita con cativería, mellor tela sempre canda nós.
A visita ao castelo adoita combinarse coa baixada até a fervenza do Castro, protagonista de centos de fotos en Instagram e en Facebook nas últimas semanas. De feito, no éxito turístico de ambos enclaves tiveron moito que ver estas dúas redes sociais e o seu efecto chamada, ademais das numerosas fotografías e referenzas sobre eles dispoñibles en Google Maps. No aplicativo cartográfico -que rexistra as visitas se se ten activada a xeolocalización do móbil- aparecen estatísticas sobre os momentos de maior afluencia, que se concentra principalmente na fin de semana nos horarios comprendidos entre as 16 e as 19.00h., aínda que as gráficas tamén apuntan á banda entre as 11 e as 13.00h.
Tanto ao castelo como á fervenza hai quen vai a tiro fixo, pero tamén quen opta por facer a ruta completa do río Castro, xa sexa río arriba -con saída desde a igrexa de Naraío-, ou río abaixo, tomando como punto de partida a área recreativa do Pozo de Lamas, en Igrexafeita. En calquera caso gozaremos dun percorrido doado que pasa por fermosísimos tramos de bosque de ribeira, algo do que tamén se pode desfrutar na parte baixa do sendeiro dos muíños do Aceiteiro, preto do centro urbano.
Desde a área de Desenvolvemento local vese o repunte turístico de San Sadurniño como “unha oportunidade de posicionar o noso territorio como o que é, un sitio cheo de natureza e patrimonio e de recunchos ideais para pasar o día lonxe de aglomeracións”, indica Manolo Varela. O concelleiro agarda que estes valores “tamén contribúan o máis posible á recuperación económica dos nosos bares e restaurantes, os máis afectados pola crise sanitaria”.
Malia que en ningunha das zonas de lecer de San Sadurniño se producen aglomeracións é moi importante recordar o uso da máscara protectora e da máxima dilixencia poñendo en práctica as recomendacións de hixiene e de distanciamento social entre persoas non convivintes.
Tamén se pide que os lugares visitados se deixen libres de lixo, xa sexa utilizando as papeleiras que haxa en cada sitio ou buscando un colector próximo para depositalo. Ademais, para calquera estadía ou itinerario que se faga con cans será necesario que vaian con correa -e bozo se é obrigatorio por tratarse de razas potencialmente perigosas- e que se respecten as propiedades privadas, posto que non todos os espazos que fan as veces de sitio de lecer son de titulariedade pública ou están cedidos ao Concello. É o caso, por exemplo, das parcelas da Bóla (onde se celebra o Festival do Río Castro), a zona de paso do muíño de Mercé -en Pielas- ou o acceso á fervenza do castelo, entre outros. Todo o mundo é benvido, pero sempre se debe ter presente que no rural viven persoas que teñen propiedades e dereitos coma calquera.
Para saber máis sobre a riqueza paisaxística e patrimonial de San Sadurniño pode acudirse a Google Maps ou, mellor aínda, visitar a Guía Turística en liña á que se pode acceder desde esta ligazón. Tamén se poden descubrir lugares impresionantes a través da conta en Instagram do Concello: @concellosansa