Destacan eventos como a estrea da película “María Solinha” que contará coa presenza do director, Ignacio Vilar, a alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez, e concelleiros
O Concello de Vimianzo celebra a súa Semana Grande cunha programación cultural especial dentro do Vimiansol que inclúe a presentación do filme “María Solinha”, música e espectáculos para toda a veciñanza do municipio. Todas as actividades se desenvolverán na praza do Concello e son de balde, pero precisan de inscrición previa co obxectivo de garantir as medidas de aforo ante a COVID-19.
A programación comezará mañá, venres 7 de agosto, ás 21:00 horas co concerto de Caamaño-Ameixeiras. Neste evento os asistentes poderán escoitar a Antía Ameixeiras, de orixe vimiancés, e a Sabela Caamaño, ambas artistas con carreiras de grande relevancia. Ameixeiras foi a gañadora dun concurso de xoves intérpretes que a levou a ir de xira co seu violín por Estados Unidos con Carlos Núñez e a actuar con Luar na Lubre. Pola súa banda, Caamaño destaca pola súa arte co acordeón e o piano, que a levou a gañar diversos recoñecementos.
O sábado, día 8 de agosto, ás 21:00 horas terá lugar “La Coquette”, un espectáculo de aéreos de Kanbaiota. Contará con Rossina Castelli e Abraham Pavón como protagonistas, nun encontro que achegará ao público unha nova proposta de acrobacias aéreas con impresionantes rutinas de trapecio, escada e verticais. Todo isto desde o humor e clown.
Esta semana de festa tamén acollerá a estrea de “María Solinha” nun cine ao aire libre o domingo 9 de agosto a partir das 21:30 horas. Ao evento asistirá o director do filme, Ignacio Vilar, a alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez, e concelleiros. O evento comezará ás 21:30 horas cun encontro coas persoas asistentes e cos medios. Ás 22:00 horas haberá un photocall e Vilar presentará o filme e ás 22:30 horas proxectarase a película, que leva á gran pantalla a lenda dunha muller condenada pola Inquisición, cun relato que transcorre entre o século XVII e o XXI.
Para poñer o colofón a esta Semana Grande, o luns día 10 de agosto, festivo local, terá lugar ás 19.00 horas o espectáculo “Pura alegría” do Teatro Calavera. Un show teatral dirixido á rapazada.
Todos os eventos serán na Praza do Concello e será preciso reservar entrada na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres de 09:00 h a 14:00 h. O Concello pon a disposición o correo cultura@vimianzo.gal para máis información. Todas as actividades son de balde e contarán coas medidas de seguridade e prevención necesarias ante a COVID-19 e os e as participantes deberán asistir obrigatoriamente con máscara.