A mellora das condicións de mobilidade e accesibilidade é, sen dúbida, un dos obxectivos do goberno local. Baixo esta premisa, o Concello de Carral acaba de construír unha rampla de acceso no local social da Cabra. O equipo de goberno executou esta actuación tras comprobar os problemas que as persoas con mobilidade reducida sufrían á hora de acceder a esta instalación.
Desde o goberno local solicitan a colaboración veciñal para eliminar as barreiras arquitectónicas neste tipo de dependencias: “se algún carralés ou carralesa detecta un problema de accesibilidade ou mobilidade nalgún local social ou dependencia municipal, pregámoslle que contacten co Concello para tentar pórlle unha solución”.
Para facer chegar este e outros avisos, os veciños e veciñas dispoñen da aplicación móbil Coida Carral (dispoñible tanto para Android como para iOS). A través desta ferramenta, os cidadáns poden notificar incidencias achegando fotografías e mesmo a localización.