Na plataforma de contratación do Estado están publicados desde o mes pasado os pregos técnicos e administrativos para concorrer ás obras de aglomerado da pista que vai desde o lugar de Quintiá, en Naraío, até o límite co concello da Capela, preto do cruzamento da Grúa. As empresas teñen até as 23.59h. deste xoves 6 de agosto para presentaren as súas ofertas de execución dunha obra que cubrirá algo máis de 1,2 quilómetros de trazado valorada no proxecto en 54.996,27€, ive incluído. O Concello de San Sadurniño dedicará a ela o importe íntegro da axuda do Plan Marco de mellora de camiños da AGADER, que supón unha achega de 45.452 euros. A pista é un das principais vías de comunicación co municipio veciño e as obras xustifícanse no proxecto técnico na necesidade de dotala dun novo firme de maior adherencia e tamén durabilidade. Esta non será a única intervención que se faga na zona, xa que o Concello tamén ten en carteira outros dous proxectos para o mesmo eixo: o tramo o Eirexado-Lourido, que se licitará nos próximos días, e o que conecta Lourido con Quintiá, que deberá agardar a que se liberen máis fondos provinciais para poder ser contratado.
O plan de camiños da AGADER nútrese de fondos europeos, ministeriais e autonómicos cos que se financian obras que melloren as comunicacións entre núcleos rurais e a accesibilidade a parcelas agrícolas ou gandeiras.
Os traballos arrancarán no lugar de Quintiá -xusto no desvío que vai para Formariz- e chegarán até a boqueira da pista do Lugar do Monte, límite administrativo co Concello da Capela. En total son exactamente 1.230 metros de distancia onde se acometerán labores previos de preparación tapando baches e limpando cunetas para, posteriormente, cubrir a actual capa de asfalto con outra nova de aglomerado de sete centímetros de grosor e un largo medio de 4 metros.
A obra non se limitará só a botar un novo firme por riba do antigo, senón que este se irá deixando de maneira que se manteña unha diferenza de pendente entre o centro e as beiras de aproximadamente un 2%, co obxectivo de garantir unha correcta drenaxe da calzada que ofreza maiores garantías de conservación de cara ao futuro. Outro aspecto que se busca mellorar é a seguridade, xa que a capa de rodadura aglomerada é máis adherente e asegura un trazado libre de irregularidades.
O anuncio de licitación das obras publicouse o pasado 17 de xullo na Plataforma de contratación do Estado dándolles ás empresas até as 23.59h. deste xoves 6 de agosto para que presenten as súas ofertas por vía electrónica.
Nuns días sairán a contratación as obras o Eirexado-Lourido
O Concello leva xa varios anos priorizando os aglomerados en aquelas vías municipais que soportan máis tráfico e que nos conectan cos municipios limítrofes. Secundino García indica a este respecto que a decisión entre aglomerar ou asfaltar “medítase moito para manter o equilibrio entre o que demanda a veciñanza e as necesidades técnicas obxectivas. Quereríamos que todas as pistas para o tráfico rodado fosen de aglomerado porque son máis seguras e aguantan mellor o paso do tempo. O problema é que tamén son máis caras e por iso non podemos facelas todas dunha tacada, hai que ir pouco a pouco e facendo encaixe de bolillos con achegas doutras administracións para poder ir renovando a nosa rede con este tipo de firme”.
Nos últimos días quedaron listas as obras de asfaltado nas pistas da Laxe ao Couto, en Lamas, a da Castiñeira (Ferreira) e as do Cabaleiro e a Penavidreira, en Naraío, financiadas co POS+ Adicional de 2019 da Deputación da Coruña. Con fondos provinciais tamén se reparará outro tramo da estrada que conecta Naraío coa Capela, concretamente a pista que vai desde o Eirexado até Lourido. Segundo o alcalde o proxecto licitarase “dentro duns días” e será a segunda das tres intervencións previstas en todo o percorrido, da que só quedaría pendente -á espera da liberación de fondos provinciais a través do Plan Complementario- a conexión entre Lourido e Quintiá.
O conxunto destes tres proxectos que se levarán adiante en tres pistas distintas pero que conforman un único eixo de comunicación ascende a 171.000 euros.