O campo da festa de San Roquiño acollerá este venres 7 de agosto, ás 22:00 horas, a primeira das dúas “Noites de Cine” organizadas polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña. A película elixida é “O que arde”, dirixida por Óliver Laxe e que aborda unha problemática ben coñecida no municipio: a desaparición do medio rural a causa dos lumes forestais. Trátase do filme máis taquilleiro e máis visto en galego, cun reparto formado por actores non profesionais e protagonizada por Amador Arias e Benedicta Sánchez, premio Goya á mellor actriz revelación.
Para o venres 28 de setembro, tamén ás 21:30 horas, queda a segunda película, tamén de forte vencello a Galicia: “Quien a hierro mata”, de Paco Plaza e protagonizada polo galego Luis Tosar, Xan Cejudo e Ismael Martínez. Poderá verse na praza do Concello (Portobravo).
En ambos casos, en caso de choiva, a proxección tería lugar no auditorio da Casa da Cultura “Santeiros de Chave”.