Friday 22 de November de 2024

Aínda quedan prazas dispoñibles para sumarse ao grupo de apoio emocional Proxecto Indira IV que se reune en Fene


 

A Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, iniciou esta semana un novo espazo para mulleres enmarcado dentro do denominado Proxecto INDIRA, xa desenvolvido nos anos 2018 , 2019 e 2020. Baixo o lema “Os labirintos da vida cotiá”, a actividade desenvólvese desde esta semana até o 17 de setembro, con sesións os martes e xoves de 10.00h. a 12.00h. -que poderían variar dependendo das preferencias do grupo- no Centro Municipal de Servizos Sociais, situado en San Valentín.

O Proxecto Indira IV concíbese como un espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, crecer xuntas, relaxarse e gozar. Trátase dunha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar.

A iniciativa está aberta a mulleres de Fene e comarca, maiores de idade, con ganas de medrar emocionalmente, de compartir e de crear espazos de solidariedade entre mulleres -resumido na palabra “sororidade”-, de empoderarse, de coñecerse e coidarse tanto mental, física como emocionalmente.

Nos encontros semanais do Proxecto Indira IV abordaranse diferentes temas e actividades relacionadas co desenvolvemento persoal e a saúde. Haberá tamén tempo para compartir as situacións vividas por cada unha e as experiencias derivadas da crise sanitaria motivada polo COVID-19.

O grupo está guiado por una psicoterapeuta con ampla formación e experiencia en materia de igualdade, técnicas de relaxación e autocoñecemento, sexualidade e traballo corporal, entre outras. Da coordinación do proxecto encárgase a Psicóloga Municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade.

Inicialmente ofertáronse 12 prazas que aínda non se cubriron na súa totalidade, polo que desde o Concello se informou a través das redes sociais da ampliación do prazo de inscrición uns días máis. As mulleres interesadas poden anotarse no Servizo Municipal de Atención á Muller por teléfono (981342607 // 981492706) ou por correo electrónico (smam@fene.gal).

Segundo informan dende o Departamento de Servizos Sociais, para esta nova edición do Proxecto Indira poranse todos os medios necesarios para garantir a seguridade, hixiene e distancia interpersoal das participantes, motivo polo que se introduciron algúns cambios e, sempre que o tempo o permita, levarase a actividade a espazos ao aire libre, en contacto coa natureza.

A actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.