Friday 22 de November de 2024

Rey destaca o labor da Asociación da Prensa por concentrar dun xeito orixinal e gráfico a historia da Coruña nun calendario


A alcaldesa presentou esta tarde a novidade que dá conta de até 611 acontecementos importantes ocorridos na cidade xunto ás fotos en branco e negro da colección Bartolomé-Chavert

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta tarde o Calendario Histórico da Coruña 2021, elaborado pola Asociación da Prensa da Coruña e patrocinado pola Compañía de Tranvías, ás que lles agradeceu o esforzo por darlle continuidade a esta “gran idea de concentrar os feitos máis memorables da cidade”. A rexedora manifestou que o almanaque permitirá curiosear sobre o pasado dun xeito orixinal e gráfico para nos enterar de até 611 acontecementos coruñeses que xuntou o experto Rubén Ventureira.
Rey engadiu que, ademais de todos eses apuntamentos, están as fotografías da colección Bartolomé-Chavert dunha Coruña en branco e negro que se pode comparar coa cidade actual a través de códigos QR. Ademais, afirmou que permitirá comprobar o que ocorreu nas datas especiais de cada un ou confirmar que xa estivemos sendo parte dalgún dos eventos que se relatan en textiños curtos, cos
que aprendermos máis e máis historia local conforme imos avanzando de mes.

Rey destacou o labor do colectivo por recuperar o vello, pero tamén o máis novo, actualizando o calendario con eventos recentes: “É un deses obxectos que pasado o ano, un garda e consulta. Que nunca perde vixencia, agás polo calendario que murcha en decembro”. No acto tamén interviñeron Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña e José Ignacio Prada, director da Compañía de
Tranvías. Logo da presentación, tivo lugar un breve coloquio entre o coleccionista de fotografía antiga, Alfonso Bartolomé, o historiador Xosé Alfeirán e o autor dos textos do calendario, Rubén Ventureira.