Feijóo plasma o seu compromiso coa “reactivación do emprego na Comunidade Autónoma”, achegando á empresa, cando expiren os cinco meses, unha cantidade equivalente durante sete meses máis, co que a contratación do traballador se ve incentivada ao longo dun ano
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou de xeito definitivo o acordo alcanzado onte coa Confederación de Empresarios de Galicia, a UXT e Comisións Obreiras polo cal se establecen dous novos programas de fomento do emprego en dous colectivos especialmente afectados pola crise: a mocidade e os parados de longa duración. Respecto a estes últimos, o dirixente autonómico subliñou especialmente que Galicia ampliará o prazo establecido polo Goberno central para a percepción dunha renda de acompañamento mensual de 426 euros. Mentres que o pacto asinado entre o Ministerio de Empleo e os axentes sociais fixa un período de cinco meses, a Xunta de Galicia achegará á empresa unha cantidade equivalente sete meses máis de xeito que o traballador percibirá, durante un ano, o mesmo salario. No caso de que o beneficiario asine un contrato de longa duración, terá dereito a percibir unha cantidade equivalente a esta renda durante dous anos.
“Agora que os indicadores económicos apuntan a unha inicial recuperación, é o momento non de diminuír as políticas activas de emprego, senón de incrementalas —sinalou Feijóo— porque agora empeza a haber unha maior demanda e unha maior posibilidade de atopar un emprego”. A pesar de que, ao longo de 2014, houbo 19.000 galegas e galegos que obtiveron un traballo, aínda hai 250.000 persoas nas listas do paro, tal e como lembrou o presidente. Reducir estas cifras é a principal prioridade do Goberno galego.
“Aproveitamos o primeiro Consello do ano para dar o visto e prace a cinco programas de emprego que benefician ou beneficiarán a preto de 100.000 parados e que contan cun orzamento de 45 millóns de euros”, recordou Feijóo. Unha semana despois, apróbanse dous novos programas: un para menores de 25 anos que non estuden nin traballen (ou menores de 30 cunha discapacidade de ata o 33%), que podería beneficiar a 40.000 persoas en Galicia, e outro para parados de longa duración, que ten como destinatarias 20.000 persoas que se atopan nesta situación. Que estas 60.000 persoas atopen oportunidades de emprego é o obxectivo deste plan de garantía xuvenil e do plan de activación para o emprego asinados onte cos sindicatos e a patronal. “Este plan está coordinado coa Administración Xeral do Estado, que á súa vez tivo que coordinalo coa Unión Europea”, asegurou o presidente. Salientou tamén que teñen máis posibilidades de éxito “as medidas que se pactan que as medidas que non se poden pactar”.
Respecto ao Programa de garantía xuvenil, este non vén a substituír ao Plan de emprego xuvenil que xa tiña posto en marcha a Xunta, senón a “complementalo e reforzalo”. Así, aos case 100 millóns de euros cos que estaba dotado ese plan para 2014 e 2015, súmanse os preto de 49 millóns cos que conta este programa. Sobre este último punto, Feijóo subliñou entre esas actuacións: a contratación de 56 técnicos orientadores para o Servizo Público de Emprego de Galicia; a adquisición de experiencia en entidades sen ánimo de lucro; incentivos á contratación en sectores emerxentes, con axudas de 200 euros ao mes; formación en competencias clave como as tecnolóxicas ou os idiomas; e a promoción do emprego autónomo, cunha axuda a fondo perdido de 1.200 euros.
Apoio aos parados de longa duración
No tocante ao programa de activación para o emprego dirixido a parados de longa duración e con cargas familiares, o programa poderá beneficiar a 20.000 persoas e “contará cun orzamento de 10 millóns para este ano 2015, que poderá ser ampliado para aquelas medidas que se vaian aplicar en 2016”, segundo explicou o mandatario galego. Feijóo explicou que este programa incluirá a contratación de 75 técnicos de orientación, que se suman aos 56 que prevé o programa de garantía xuvenil; a posta en marcha dun programa formativo de competencias clave; e a formación dual, que permitirá aos beneficiarios obter cualificación, asociada a un contrato laboral de formación e aprendizaxe.
Para fomentar o emprendemento incentivaranse as novas altas de autónomos, con axudas que poden chegar ata os 9.000 euros, e potenciarase a contratación por conta allea. Sobre este segundo punto, cómpre lembrar que o Plan do Goberno central contempla a posibilidade de compatibilizar durante un máximo de 5 meses a renda de acompañamento de 426 euros cun contrato laboral por conta allea. Esta contía sumarase ao salario pactado entre o empresario e ao traballador. No caso de Galicia, segundo describiu Feijóo, cando expire este prazo a empresa recibirá unha cantidade equivalente durante sete meses máis, co que a contratación do traballador se ve incentivada ao longo dun ano. No caso de que este contrato sexa indefinido, a cantidade equivalente á renda de acompañamento se manterá durante un ano máis, alcanzando os dous anos. “Estamos incentivando, por riba dos incentivos xerais para todo o Estado, dunha forma moi clara a contratación de desempregados de longa duración”, resumiu.
“En definitiva, case 60 millóns de euros para mellorar a empregabilidade tanto dos menores de 25 anos non ocupados como dos parados de longa duración con cargas familiares. Isto poderá beneficiar a máis de 58.000 persoas e que permitirá a contratación de máis de 130 novos orientadores para as oficinas de emprego galegas. A efectos prácticos, nos permite ampliar a compatibilidade da percepción da renda de compatibilidade, de cinco meses a un ano para os contratos temporais e de cinco meses a dous anos para os contratos indefinidos”, sintetizou o presidente da Xunta.