Saturday 16 de November de 2024

O centro de día de Lousame reabre as súas portas ao 50% da súa capacidade e tras unha profunda desinfección das súas instalacións


O centro de día de Lousame vén de reabrir as súas portas esta semana, despois da clausura das súas instalacións durante a pandemia do coronavirus Covid-19. Unha reapertura que se fixo efectiva na xornada de onte luns e que nesta primeira fase permitirá dar servizo ao 50% dos usuarios e usuarias destas instalacións.
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, sinala que “nesta primeira etapa non poderá haber visitas externas por seguridade e, a maiores, antes de abrir as instalacións o Concello de Lousame contratou a unha empresa autorizada pola Consellería de Sanidade para que certificara que as instalacións estaban totalmente libres de Covid-19”. En 15 días poderá asistir o 75% dos usuarios e usuarias e nun mes poderán estar todos e todas incorporados.
A desinfección, levada a cabo pola empresa Bioambiental, tivo lugar na tarde do pasado venres 31 de xullo, en ausencia de persoas e ao rematar a xornada laboral. Os técnicos da empresa, perfectamente equipados con EPIS, aplicaron nebulización aérea e localizada sobre todas as instalacións, prestando especial atención a superficies críticas como pomos de portas, mesas, sillas… Para iso utilizaron un desinfectate bactericida, funguicida e virucida. Silvia Agrafojo explica que “en Lousame imos recuperando pouco a pouco a normalidade en todos os servizos, sempre baixo a premisa da seguridade e o seguimento dos protocolos sanitarios. Fixémolo cos campamentos de verán, que penso que foron todo un exemplo de seguridade e bo comportamento tanto por parte dos monitores e voluntariado como das familias participantes. Fixémolo hai un mes cos obradoiros de maiores e agora, tras o centro de día, traballaremos para que todo estea a punto cando abramos as portas do Punto de Atención á Infancia en setembro”.