Sunday 24 de November de 2024

En marcha o campamento Sementeira 2020


Este luns botou a andar o servizo de conciliación Sementeira que ofrece o Concello de Moeche durante o verán. O campamento tivo que adaptarse á nova situación extremando as medidas preventivas e tamén reducindo tanto a súa duración -só se desenvolverá en agosto- como o número máximo de nenas e nenos participantes. Trala presentación e as primeiras actividades de onte, hoxe pola mañá a cativería tivo como espazo de xogos e aprendizaxe o castelo de Moeche. Un total de 11 crianzas de entre 3 e 8 anos brincaron canto quixeron entre os seus muros e tamén descubriron a súa historia. Non será o único lugar no que pasarán este mes, posto que tamén acudirán ao polideportivo municipal e á área recreativa de Soutogrande. O campamento Sementeira está titorizado por monitorado de Espazo Vivo e conta cunha subvención de 4.080 euros da Secretaría Xeral de Igualdade.

Hoxe o día amenceu con orballo. Porén, pouco despois das 10 da mañá -hora á que xa chegara todo o grupo infantil- o ceo empezou a abrir pouco a pouco e os cativos e cativas puideron empezar a percorrer a fortaleza na compaña dos monitores. Pipo Arribe é o coordinador do campamento e foilles explicando cales son as principais zonas do castelo, alimentando ao mesmo tempo a súa imaxinación con historias sobre como debeu ser a vida no edificio e que episodios sucederon alí noutro tempo.

E, entre historia e historia, xogos como o da palabra segreda e outras actividades coas que se foi enchendo a mañá. O campamento tenlles preparado moito para facer nas próximas semanas. En cada unha delas traballarán distintos temas cos que, en esencia, se fomentará a querencia da rapazada polo rural e todas as posibilidades que ofrece como medio de vida. “Este ano imos recuperar tradicións como a da cestaría (Sementeira recibirá esta semana a visita dos cesteiros da AVV Val de Moeche), tamén nos virán falar de especies autóctonas que hai preto do castelo, da elaboración do queixo e de xeoloxía. Tamén temos como experiencia unha pequena horta ao pé do pavillón. As nenas e nenos pásano moi ben cultivando a terra e traballándoa”, explica Arribe.

Sementeira será un campamento itinerante. Os luns e venres desenvolverase no polideportivo municipal, os martes e xoves no castelo e os mércores a cativería trasladarase á área recreativa de Soutogrande. “Cada espazo ten as súas actividades. Na área recreativa este ano non hai piscina pero temos o río, as árbores, un pequeno parque, mesas nas que facer experimentos e demais… e despois o castelo, que nos ofrece historia e que se presta moito a xogos tipo misterio e pistas agochadas. E por último o pavillón, que se presta a xogos cooperativos e deportes. O concello de Moeche ofrece espazos moi interesantes e singulares. Está ben poder movernos por distintas zonas porque á rapazada fáiselle moito máis ameno”, comenta o monitor.

O campamento desenvolverase durante todo o mes de agosto con dous horarios. As nenas e nenos máis madrugadores entrarán ás 8.30h. e o resto farao a partir das 10.00h., finalizando en ambos casos ás 14.15h. O Concello ofertou 20 prazas coa intención de organizar dous grupos de idades, un de 3 a 7 anos e outro de 8 a 12. Finalmente só se completou o grupo de nenas e nenos máis pequenos e ampliouse o número de prazas para darlle entrada a todas as solicitudes, de maneira que Sementeira conta este ano con 11 participantes de entre 3 e 8 anos.

As nenas e nenos de 6 anos en diante deben levar máscara, a todos eles e elas tómaselles a temperatura tan pronto como chegan, algo que se fai de maneira escalonada. Ademais recórdaselles varias veces ao longo da mañá a importancia da hixiene de mans e respiratoria como dúas das principais barreiras contra o coronavirus.

Este programa de conciliación promovido polo Concello de Moeche conta con financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade.