Inclúe a posta en marcha da páxina web padronturismo.gal, a difusión dunha nova imaxe de marca “Padrón, camiño e destino” e a posta en marcha dun Marketplace para o comercio local
O Concello de Padrón vai poñer en marcha esta semana unha campaña para promover o turismo de proximidade e reforzar a confianza do público nun destino seguro, atractivo e libre de coronavirus. Unha iniciativa que inclúe a estrea da páxina web www.padronturismo.gal e a dunha nova marca turística, “Padrón turismo”, que promova as singularidades do municipio en turismo, natureza, Xacobeo, gastronomía, literatura e hostalería e comercio.
Trátase dunha proposta incluída no Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio elaborado pola Concellería de Turismo de Padrón para os anos 2020 e 2021, tendo en conta o Plan de Acción Padrón 2017-2022. A concelleira de Turismo, Lorena Couso, explica que “o obxectivo é promover un turismo de proximidade e estable, procedente tanto da comarca como do resto de Galicia, e que nos permita así reactivar un pouco todos os sectores”. Unha iniciativa desenvolta polo Concello de Padrón con fondos propios e que supón un investimento de máis de 10.000 euros.
Nova marca turística
Entre os puntos fundamentais a destacar e poñer en valor de Padrón elixíronse cinco, que figuran como marcas englobadas en “Padrón Turismo”. Este identificador xeral representa os valores máis coñecidos de Padrón a nivel internacional: os pementos (que substitúen ao “Ó” do nome rodeados polas confluencias dos ríos Sar e Ulla), e o Camiño (representado polas liñas de entrada e saída da marca). O resto das letras da marca tamén teñen a súa personalidade e poñen en valor algún aspecto distintivo do municipio: o “P” toma a súa forma do caxato dos peregrinos; o “A” presenta un sorriso de amizade”, o “R” inspírase na inscrición da Pedronía”; e o “N” representan unha barca surcando os ríos da comarca.
As outras cinco marcas englobadas en “Padrón Turismo”, que manexa unha gama cromática verde para reforzar o seu vínculo co pemento, son:
– “Padrón Xacobeo”, cunha aposta pola potenciación da Pedronía e o valor patrimonial que xira en torno ao Camiño de Santiago. A súa cor é a amarela, de acordo coas frechas que guían o Camiño.
– “Padrón Gastronómico”, para poñer en valor os produtos estrela como o pemento de Herbón ou a lamprea do Ulla. A súa cor corporativa será o laranxa, nunha tonalidade cálida.
– “Padrón Literario”, coa potenciación da Ruta Rosaliana posta en marcha en colaboración cos concellos de Ames, Brión, Rois e Santiago. A súa cor corporativa é a das camelias.
– “Padrón Natural”, representada tanto polo Xardín Botánico-Artístico como a práctica deportiva ligada a actividades coma o sendeirismo, o rafting ou a tirolina. A súa cor é a verde auga.
– “Padrón Hostalería e Comercio”, dous sectores que xa formaron parte da primeira iniciativa de reactivación económica tras a pandemia (coa entrega de 115 biombos protectores de cristal templado, coa exención de pago de terrazas para establecementos hosteleiros, difusión da campaña #PadrónVolve a través das redes sociais, a campaña ‘Cultura na Rúa’ e a axuda á instalación de medidas hixiénico- sanitarias nos establecementos comerciais). Dous sectores que serán obxecto de novas iniciativas ao longo da próxima semana. O azul será a súa cor corporativa.
Páxina web
Así mesmo, esta semana púxose en marcha a páxina web www.padronturismo.gal , para dar soporte a esta nova campaña promocional. Así, a web contén enlaces aos cinco bloques englobados en “Padrón Turismo”, así como un enlace á APP da Pedronía. A maiores, a páxina contará tamén cun apartado denominado “Experiencias”, no que expertos do sector recompilarán e porán en valor distintas actividades que se poden realizar en Padrón co obxectivo de que o turista poida vivilas en primeira persoa.
Ademais da información de eventos, comercio, gastronomía, turismo, natureza… o novo sitio incluirá un Marketplace, unha plataforma na que os distintos comercios de Padrón poderán anunciar os seus produtos e ofrecerlles un interesante abano de opcións ao turista que queira achegarse pola vila. “Poremos a disposición do noso comercio un formulario enliña no que poderán engadir fotos e información, que nós validaremos para a súa publicación na nova páxina web”, explica Lorena Couso.