Monday 25 de November de 2024

Rey destaca a reformulación do 34 Festival Noroeste Estrella Galicia para lle dar un impulso ás bandas locais e galegas


A alcaldesa anunciou na presentación que se lle renderá unha homenaxe aos recentemente falecidos Jaime Manso e Nonito Pereira, “pezas esenciais da nosa escena cultural coruñesa”, poñéndolles os seus nomes aos dous escenarios da cita en María Pita e no parque de Santa Margarida

A alcaldesa, Inés Rey, participou na presentación do 34 Festival Noroeste Estrella Galicia, “un clásico da oferta cultural do verán desta cidade”, que este ano se reformulou con fin de apoiar as artes escénicas e darlle un impulso ás bandas locais e galegas. A rexedora recordou a Jaime Manso e Nonito Pereira, “os que tivemos que despedir o ano pasado e que foron pezas esenciais da nosa escena cultural coruñesa. Querémoslles render unha homenaxe poñendo os seus nomes aos escenarios da cita”, sinalou. No acto, acudiron ademais do concelleiro Juan Ignacio Borrego, o programador musical Roberto de la Iglesia e Antonio Viejo, director de Asuntos Corporativos de Corporación Hijos de Rivera, as e os familiares de ambos os promotores, que lles agradeceron o xesto ao concello e ás persoas organizadoras. Nonito Pereira Junior, destacou o espírito loitador do seu pai buscando sempre a concordia, mentres que Ana, irmá de Jaime Manso, asegurou que os dous tiñan o tributo máis que merecido.
Viejo sinalou que o cartel se foi modificando segundo a situación da pandemia evolucionaba e se ben pensaron en cancelar desde a firma patrocinadora Estrella Galicia todos os concertos, finalmente serán tres días en que mantermos a paixón que esperta coa música ao vivo e que volverán conectar coas orixes do festival cando eran as formacións de aquí as que o sostiñan: “Necesitamos animarnos e nada mellor que o Noroeste”. Ao remate, o vocalista e guitarrista coruñés Pardo, que estará o sábado, ás 20.00 horas, no escenario Nonito Pereira (praza de María Pita), interpretou un tema do seu repertorio.

Programación
Serán tres días consecutivos de música, desde o venres até o domingo, en que as e os artistas actuarán simultaneamente nos escenarios Nonito Pereira (praza de María Pita) e Jaime Manso (no parque de Santa Margarida). En total serán 14 concertos, mais dous viveiros musicais dirixidos ao público máis mozo co fin de que descubra ritmos, sons e historias vencelladas á música contemporánea.
Os directos celebraranse principalmente en horario de tarde ás 20:00 e ás 22:30 horas nas tres xornadas e na fin de semana haberá sesións matinais que variarán segundo o escenario das 12:30 horas ás 13:30 horas.
O listado de músicos confórmano Allova, Ataque Escampe, Bush Doctors, Cloaca. DL Blando, Laura Lamontagne & PicoAmperio, Moura e a Irmandade Ártabra, Pardo, Sara Sístole, The Bo Derek’s, Triángulo de Amor Bizarro, Víctor Coyote, Viuda Gómez e Hijos e Zeltia e Irevire. Fronte aos obradoiros estarán Javier Becerra & Carolina Rubirosa con “Esto es pop” e Lydia Botana con “De aquí para alá”.
Como acontece no resto dos espectáculos das Festas de María Pita 2020, os concertos do 34 Noroeste Estrella Galicia contarán cun aforo limitado a un máximo de 400 persoas. Todos os concertos serán de balde, pero haberá que reservar entrada previamente na web do festival (www.festivalnoroeste.com) e tamén na URL https://corunacultura.sacatuentrada.es/. Para promover a ausencia de papel facilitarase ao público un código QR que poderán amosar á súa chegada ao recinto a través do seu terminal móbil.
Para os directos, rexerán as mesmas normas que en todo o programa festivo. Co obxecto de evitar aglomeracións e garantir que non se supere a capacidade permitida, así como para ter identificado ao público por motivos sanitarios de prevención da COVID-19, as entradas serán nominais e identificarase no acceso as/os espectadores.
Cada día ás 10:00 horas abrirase a taquilla virtual para que a veciñanza reserve as localidades dos eventos que terán lugar dous días despois. Así, as entradas dos concertos do venres estarán disponibles a esa hora o mércores 5; as do sábado o xoves 6; e as do domingo o venres 7.

Medidas de seguridade
As portas para cada espectáculo abriranse 30 minutos antes e logo de cada un dos concertos, os espazos baleiranse para proceder á hixenización do mobiliario entre as montaxes. Dispoñerase de xel hidroalcólico nos accesos e as/os asistentes terán que levar sempre posta máscara, salvo que presenten un xustificante en que acrediten que están exentos de poñela.
Os recintos contan cun dobre perímetro de seguridade e sinalización nos accesos. Ademais, os asentos estarán separados entre si 1,5 metros para respectar a distancia social e un equipo de acomodación situará ao público nas localidades. As distancias entre cadeiras non poderán modificarse a excepción daquelas persoas que precisen estaren acompañadas por un motivo xustificado como a mobilidade reducida (haberá espazo reservado para elas).

Ao final do espectáculo deberase prestar atención ás indicacións do equipo de acomodación para evacuar o recinto.