Saturday 16 de November de 2024

Continúa aberta a convocatoria pública para incorporar vivendas ao banco de alugueiro municipal


A iniciativa de Benestar Social permitiralles, a familias con risco de exclusión social, accederen a unha casa digna e que as persoas cedentes se beneficien de prezos favorables polo arrendamento das súas propiedades
Continúa aberta a convocatoria pública para incorporar vivendas ao banco xestionado por EMVSA destinado a persoas en situación ou en risco de exclusión social. Esta iniciativa de Benestar Social enmárcase dentro do proceso en que a concellería traballa para lles dar acceso a un hábitat digno ás persoas habitantes dos asentamentos precarios na Coruña. Por outro lado, permitirá que as e os arrendadores se beneficien de prezos favorables polo alugueiro das súas propiedades.
EMVSA, garantirá o cobro da renda polas persoas cedentes de pisos mediante a contratación de pólizas de seguro. Tamén asumirá o custo da reparación dos posibles danos causados polo uso e o depósito da fianza arrendaticia no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). As vivendas deberán estar situadas no termo municipal da Coruña e non ter ningún tipo de carga ou gravame que impida seren arrendadas por EMVSA, titular do contrato. Así mesmo, deberán estar desocupadas, sen limitacións urbanísticas que impidan utilizalas.
Por último, admitiranse unicamente aquelas que presenten un bo estado xeral de conservación e mantemento e que reúnan unhas condicións mínimas para seren habitadas. Terán que dispor tamén dun equipamento doméstico básico –ou, de non o teren, de instalacións mínimas para o colocar, así como de subministracións de auga e enerxía. Por último, deberán contar co certificado de eficiencia enerxética, que achegará a persoa propietaria antes de asinar o contrato de arrendamento por parte de EMVSA coa persoa usuaria final.
A contía máxima que se percibirá será de seiscentos euros (600,00€) mensuais, que se poderán incrementar até un 10% máis se a propiedade dispuxer de garaxe ou rocho (5% por cada unidade). A cantidade total será fixada polo Consello de Administración de EMVSA entre os 450 e os 600 euros ao mes e acordarase segundo o número de dormitorios e da súa superficie construída. Outros requisitos para que as e os arrendadores reciban o máximo será a súa accesibilidade e a idoneidade das instalacións e equipamentos.
As persoas propietarias comezarán a percibir a renda unha vez que EMVSA formalice o contrato de arrendamento e, en todo caso, no prazo máximo de tres meses desde a inclusión do inmoble no Banco de Vivendas, segundo o acordo adoptado polo Consello de Administración de EMVSA.

EMVSA poderá excluír do Banco de Vivendas aquelas que non foren postas ao dispor das e dos usuarios nun prazo máximo de seis meses desde a súa inclusión no mencionado Banco e a renda actualizarase cada ano conforme á normativa vixente sobre arrendamentos urbanos. Non se lle poderá repercutir a EMVSA o imposto sobre bens inmobles nin os gastos de comunidade, que correrán por conta da persoa propietaria.

CORENTA INMOBLES
A Empresa Municipal de Vivenda xestionou arredor de 40 vivendas neste programa. Desde 2017, son varias as experiencias de propietarias/os que solicitaron o rescate das súas casas, preferentemente para as utilizaren. Segundo EMVSA, recibíronas satisfactoriamente nas mesmas condicións en que as entregaron, coas reparacións pertinentes, e sen débedas por recibos de alugueiros pendentes.
Para máis información, calquera persoa interesada pode consultar as bases da convocatoria na web de EMVSA www.emvsa.es, dentro do apartado “perfil do contratante”, chamando ao 981 910 460 ou de maneira presencial nas oficinas da Casa da Auga, para o que cómpre solicitar cita previa.