Monday 25 de November de 2024

Prazas cheas para a segunda visita guiada xeolóxica ao Pico Sacro


O programa de visitas guiadas xeolóxicas ao Pico Sacro continuou onte a súa andaina cunha sesión na que se completaron as 24 prazas dispoñibles. Persoal de Geotur Galicia coordinou este percorrido que pon de manifesto a importancia deste enclave dende o punto de vista da xeoloxía.
A actividade deu comezo ás 11.00 horas no aparcadoiro do Pico Sacro para iniciar a visita guiada coas explicacións de Joaquín Rubal en distintos puntos de interese. Entre eles atópase o cumio principal deste monte, o sub-cumio oeste, as dúas bocas das covas e a Rúa da Raíña Lupa.
As visitas teñen un custo de 10 euros/persoa, sendo de balde para menores de 12 anos. O prezo inclúe Guía Oficial de Turismo de Galicia e Seguro de Responsabilidade Civil. As prazas son limitadas e deberán realizarse as reservas previa inscrición a través do enderezo electrónico geoturgalicia@gmail.com ou no teléfono 675 820 520.
Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia desenvolver estas actividades respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por iso, será obrigatorio o uso de máscaras en toda a actividade, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e terán á súa disposición xeles hidroalcohólicos. Ademais, a propia empresa conta coa acreditación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e da Xunta na aplicación dos protocolos frente a COVID-19.