O prazo para entregar as fotos finaliza o 14 de agosto. A mostra inaugurarase o 19, Día Internacional da Fotografía
O próximo 19 de agosto é o Día Mundial da Fotografía. Para celebralo, a Concellaría de Cultura ideou un proxecto que pretende poñer de relevancia o seu valor histórico relacionado co territorio. A idea é moi sinxela: propónselle á rapazada e á mocidade que busque pola casa fotos antigas e lugares do noso concello e que logo tome outras actuais nos mesmos sitios para ver canto cambiaron distintos recunchos de San Sadurniño co paso do tempo. As dúas imaxes, a vella e a de hoxe, haberá que imprimilas e pegalas nun cartón-pluma en tamaño A3 que logo se terá que entregar na Casa da Cultura para compoñer unha granden exposición que se inaugurará o propio 19 de agosto. Só por participar na iniciativa entrarase no sorteo de dúas cámara réflex.
O proxecto de creación colectiva titúlase “Pegadas dun pasado” e nel poderá participar a rapazada desde os 7 até os 18 anos (nenas e nenos/mozas e mozos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2002 e o 31 de decembro de 2012).
Se aínda non o fixeron, nos próximos días teñen por diante o desafío de buscar pola casa fotos antigas de edificacións, paisaxes e elementos patrimoniais do noso municipio para despois tentar reproducir esas mesmas imaxes no momento actual, coa finalidade de comparar como cambiou San Sadurniño a través do tempo. Ademais tamén se persegue que as xeracións máis novas descubran o territorio dun xeito distinto e que se conciencien sobre a grande riqueza natural e histórica do municipio en que viven.
Máis en detalle, o proceso é o seguinte: hai que elixir unha foto vella en branco e negro e escaneala. Despois deberase sacar unha foto de hoxe en día do mesmo sitio e co mesmo encadre, utilizando para iso o móbil ou unha cámara. Por último, haberá que imprimir ambas imaxes cun tamaño 15×20 centímetros ou 20×25 e pegalas unha ao lado da outra sobre un cartón pluma en tamaño A3, coidando, preferiblemente, que a foto máis antiga vaia á esquerda e a nova á dereita.
As composicións resultantes teñen que entregarse na Casa da Cultura antes das 14.00h. do día 14 de agosto acompañadas dun sobre cos datos da persoa participante, a data de nacemento, un número de contacto e unha descrición da foto con indicación do lugar en que foi tomada, ademais da data aproximada da foto antiga. Tamén deberán achegar unha autorización materna/paterna para participar e unha autorización para publicitar as imaxes e, se se dispón do dato, información sobre quen é o autor ou autora da imaxe antiga.
Se algún ou algunha participante precisa axuda para o escaneado ou para calquera outro paso, pode pasar pola Casa da Cultura -a partir deste martes- para que lle boten unha man. Iso si, por razóns preventivas haberá que concertar cita previa chamando ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
Todos os paneis recibidos formarán parte da exposición que se inaugurará o 19 de agosto -Día Internacional da Fotografía- ás 19.00h. na Casa do Concello. Entre todas as persoas participantes sortearanse dúas cámaras réflex e tamén se entregarán accésits.