Os vehículos non poderán circular polo tramo que vai da avenida de Concordia a Ángela Blanca Soto, excepto os destinados á carga e descarga, que terán até as 11.00 horas para realizaren os traballos
A Concellería de Mobilidade peonalizará a rúa Monte das Moas, en concreto, do tramo que vai da avenida da Concordia á rúa Ángela Blanca Soto, para o que tomará como modelo o que se utilizou na reconversión das rúas Compostela e Alcalde Marchesi. A partir deste luns, a vía non soportará a circulación de vehículos, agás a dos destinados á carga e descarga, que poderán transitala até as once da mañá, tal e como se autoriza nas demais rúas peonís da cidade.
Para alertar a cidadanía sobre este cambio, instalaranse bordos e macetas que impedirán o paso do tráfico rodado, nunha aposta do concello pola calidade de vida e arquitectónica. A intención do Goberno local é facer da Coruña un exemplo de sustentabilidade e que todos os barrios poidan desfrutar de espazos de convivencia.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou que “cómpre unha continua migración da mobilidade actual a unha máis branda, cunha mellor eficacia do transporte público que reverta nunha maior conectividade e a creación de itinerarios que faciliten a utilización de vehículos brandos e o tránsito a pé”.
Monte das Moas será peonil até o 15 de setembro mais desde Mobilidade estase estudando que esta condición sexa definitiva e que a rúa se sume a unha serie de intervencións de peonalización dentro do plan Coruña Camiña. Deste xeito, o concello responde a unha das peticións que formalizou no seu momento a Asociación de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros.
O Plan de Mobilidade do concello incluirá a reforma dos Cantóns, de parte do Paseo Marítimo e de arterias emblemáticas como Santo André, a favor dunha mobilidade en que “A Coruña camiñe” por zonas verdes e amables e non circule en coche a máis de 30 Km/h.