O Concello de Riveira publica na páxina web unha revista dixital na que se repasa o acontecido no municipio durante o ano 2014
Consta de 96 páxinas e unhas 375 fotografías a toda cor
Baixo o nome de “Riveira Viva. Unha mirada municipal ao 2014”, o Concello vén de presentar un anuario no que se dá de forma resumida un repaso ao noso municipio ao longo do exercicio que acaba de concluír.
Foi o alcalde Manuel Ruiz quen explicou os detalles desta publicación nun acto celebrado no Centro Cultural Lustres Rivas. Ruiz Rivas manifestou que a diferencia do ano anterior, no que se optou pola edición impresa, este ano se quixo publicar unha revista dixital en consonancia coa aposta deste Concello polas novas tecnoloxías, tal e como se veu refrendado coa súa recente inclusión na Rede Innpulso tras ser nomeado nova Cidade da Ciencia e da Innovación.
A intención da publicación é seguir avogando pola transparencia e de dar a coñecer á xente o que se está a facer. De 96 páxinas de extensión e unhas 375 fotografías, “Riveira Viva” está dividida en tres seccións: “Espazos de Progreso” (dedicada a infraestruturas, actuacións de seguridade viaria, labores de recuperación ambiental, xacementos arqueolóxicos, etc…), “Crecer xuntos” (sobre emprego, servizos sociais, xuventude, igualdade, educación, novas tecnoloxías,…) e “Os Activos dun Pobo” (que incide en tres piares: a cultura, o turismo e o deporte).
Na propia portada pódese adiviñar xa algún dos contidos do seu interior, a través dun mosaico fotográfico no que se reflicten actuacións tan salientables como o novo mercado, os centros sociais de Oleiros e Carreira, a nova lonxa, a estrada de Xenxides a Corrubedo ou o castro da Cidá, ademais doutras iniciativas como a Carreira Popular de Artes ou a exposición sobre o Santa Isabel.
Punto gal
Para acceder á publicación basta entrar na páxina web do Concello: www.riveira.es, pero tamén dende hai unhas semanas está activa a dirección www.riveira.gal, de acordo co manifestado en sesión plenaria. A páxina tamén está colgada tamén na Web Xis e farase uso das redes sociais municipais e do Entérate Riveira para publicitar o seu uso.
Issuu.com
Manuel Ruiz informou de que a revista en si está aloxada en Issuu.com (unha das plataformas especializadas en revistas dixitais con máis seguidores do mundo), nunha conta que ten carácter gratuíto. A elaboración da revista tampouco tivo custe económico algún.
Doutra banda, o alcalde anunciou que nuns días os veciños comezarán a recibir o tradicional almanaque do Concello no que, proseguindo coa idea de que sirvan para visualizar actuacións destacadas do municipio (as de 2014 foron os paseos do Touro e Coroso), trasladará imaxes do xacemento arqueolóxico de Castro da Cidá e do novo paseo entre Coroso e Río Azor.