Friday 22 de November de 2024

O Concello exponse o impulso da urbanización Costa Miño co aproveitamento dos terreos en litixio que a Audiencia Provincial acaba de outorgar á administración local


Trátase entre outras do campo de golf, un terreo para uso comercial, outro destinado a unha gasolineira e unha parcela para 20 vivendas pareadas.
Tras moitos anos de provocar grandes conflitos xudiciais, económicos e sociais en Miño o caso Fadesa
pode compensar unha pequena parte das avultadas perdas que ocasionou no Concello.
A Audiencia Provincial acaba de desestimar o último recurso da administración concursal polo que se solicitaba
o levantamento e a cancelación da hipoteca, unilateral que pesa sobre as leiras rexistrais
números 13.886, 13.894, 13.895, 13.898 e 13.899 do Rexistro da Propiedade de Pontedeume.
A resolución de data 13/9/2019, agora confirmada en segunda instancia pola Audiencia Provincial,
fallaba en resposta ao recurso sobre o LEVANTAMENTO E CANCELACIÓN DE HIPOTECA UNILATERAL.
A administración concursal había formulado demanda de incidente concursal na que solicitaba o
levantamento e cancelación dunha hipoteca unilateral (constituída “ata onde alcance o valor das
parcelas” debido a que a empresa non depositara as garantías requiridas no último contrato
administrativo para proseguir co desenvolvemento urbanístico do sector, calculadas entón nuns 20
millóns de euros)
Como a sociedade debedora habería de responder coas leiras hipotecadas integradas na masa activa do
concurso fronte ao Concello de Miño para o caso de que non tivese capacidade de pago do prezo xusto
definitivamente fixado #ante a xurisdición contenciosa, agora estas propiedades serán poxadas e en caso
de non ser vendidas á primeira poxa o Concello de Miño ten a opción de quedar coa propiedade para
logo vendelas, alugalas, concesionarlas ou xestionalas directamente.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, móstrase satisfeito de que tras conseguir alongar 10 anos
máis o prazo de pago do crédito de 12 M€ e lograr outro de 7 M€ para pagar os intereses aos expropiados, agora o Concello quere impulsar o aproveitamento e desenvolvemento dos terreos para área comercial, gasolineira, vivendas e campo de golf. “A urbanización forma parte do presente e do futuro do municipio e nese camiño seguirá actuando o goberno local”.

Así, a posta no mercado destes terreos vai redundar na mellora da urbanización tanto se se ocupa o chan comercial coma se remátanse as estruturas da rúa A Fraga. E tamén, como non, nas maltreitas arcas municipais, que deben devolver os case 23 millóns de euros de créditos xerados polo caso Fadesa.