A coruñesa, de 22 anos, pasará 2 meses recorrendo á costa galega para concienciar á xente do impacto dos obxectos desbotables e o luns fará parada na costa muxiá.
O Concello de Muxía recibirá o vindeiro luns, 3 de agosto, a Ana Baneira, unha coruñesa que se lanzou á aventura para pasar preto de dous meses percorrendo a costa galega cunha misión concienciadora, recoller o lixo que vexa ao seu paso, ademais de investigar as incidencias medioambientais en lugares sinalados con bandeira negra. Será no Salón do Voluntariado, ás 12:00 horas, e alí poderá contarlle a súa experiencia á rapazada participante nos campamentos de conciliación impulsados pola administración muxiá. Cabe destacar que unha das liñas vertebradoras destes campamentos era precisamente o medio ambiente.
Baneira ten previsto transitar un total de 1,498 quilómetros, tres provincias (Lugo, A
, Pontevedra), 978 praias, 16 rías, 44 faros e 76 municipios para conseguir que a variante do Camiño de Santiago que está a realizar, o Camiño Portugués, sexa “unha ruta máis limpa”.
Ana comezou o pasado 11 de xullo o seu percorrido desde A Guarda e case un mes despois chegará a Muxía. O lixo que vai recollendo pésao cunha báscula para facer un cálculo aproximado do total recollido cando acabe a súa planificación.
O edil, Iago Toba, quixo agradecer a labor que está a realizar Ana Baneira xa que “é unha iniciativa moi valente da que todos e todas debemos aprender. Muxía sempre terá as portas abertas a este tipo de iniciativas, ecoloxistas e concienciadoras”.