A actuación levarase a cabo en catro semanas e nela sumarase a superficie dunha aula anexa para lle ofrecer un mellor servizo ao alumnado
Este luns comezarán as obras do comedor do CEIP Curros Enríquez, que permitirán aumentar a súa superficie para lle dar cabida á crecente demanda deste servizo por parte do alumnado. Coa intención de incrementar os metros cadrados, engadirase a aula patio C á estancia, que até o momento ocupaba a Escola Municipal de Música, xunto a unha segunda que seguirá utilizando. As obras, que se executarán en catro semanas, incluirán a retirada dos paneis illantes da aula C e a demolición da separación interior que diferenciaba o comedor da clase.
Así mesmo, levantaranse o lousado de cortiza desta estancia e acondicionaranse ambas as instalacións. O concello destinará 17.000 euros para esta actuación, que permitirá un uso máis cómodo e seguro do comedor por parte das e dos pequenos.
Deste xeito, a alcaldesa, Inés Rey, cumpre tamén co seu compromiso de que o curso empezaría coa sala posta a punto para ofrecer un servizo mellor.
Á súa vez, o centro escolar reservaralle un segundo espazo á Escola Municipal de Música, tras chegaren ambos a un acordo que reforza os anos de colaboración.
Pola súa parte, o concello estuda a posibilidade de lle proporcionar un novo emprazamento a esta institución.