Friday 22 de November de 2024

A Xunta aproba o decreto relativo á planificación de augas


O presidente da Xunta salienta que o decreto busca facilitar a rapidez e eficacia na toma de decisións e na execución de actuacións que sexan necesarias para minimizar os prexuízos cando se declare unha situación de emerxencia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación do decreto relativo á planificación de augas na Comunidade, que inclúe medidas para axilizar a limpeza dos ríos, iniciativas para facilitar a rapidez nas actuacións de emerxencia en época de seca e o contido e procedemento de aprobación de varios plans, como o Plan hidrolóxico Galicia-Costa, os plans de xestión de inundacións e os plans galegos de abastecemento e saneamento.

Nun primeiro termo, Feijóo subliñou que o decreto busca facilitar a rapidez e eficacia na toma de decisións e na execución de actuacións que sexan necesarias para minimizar os prexuízos cando se declare unha situación de emerxencia, como por exemplo a consecuencia dunha seca.

En primeiro lugar, a nova normativa habilita ao Consello da Xunta a adoptar medidas extraordinarias en relación co uso do Dominio Público Hidráulico, determinando a declaración de utilidade pública a efectos de ocupación ou expropiación dos terreos co fin de solucionar as incidencias que se poidan dar durante un período de seca na Comunidade.

No caso da limpeza dos ríos, tamén se busca a máxima axilidade e así o decreto prevé, por primeira vez, facilitar as actuacións menores de mantemento e conservación en Dominio Público Hidráulico, de tal xeito que desde agora só será precisa unha comunicación previa a Augas de Galicia. Con esta medida, facilítanse as labores de roza, retirada de residuos e obstáculos dos ríos.

O presidente do Goberno galego explicou que outra das novidades do decreto é a vinculación de obras hidráulicas da Xunta nos concellos á garantía dunha correcta xestión das actuacións construídas. Deste xeito, cando se avalíe a posibilidade de levar a cabo novas obras hidráulicas, analizarase o funcionamento das actuacións executadas nos cinco anos anteriores, que deberán estar en servizo e en bo estado de conservación. Aqueles concellos que cumpran estes requisitos terán prioridade sobre concellos que non atenden coa dilixencia debida as infraestruturas construídas con fondos da comunidade.

O decreto aprobado hoxe tamén garante unha maior participación pública con amplos períodos de consultas nos distintos instrumentos de planificación. Por exemplo, haberá tres períodos de consulta de seis meses cada un para aprobar o Plan hidrolóxico e cun mínimo de tres meses de consulta nos plans da seca, de xestión de inundacións, de abastecemento e de saneamento.

Por tanto, como subliñou Feijóo “queremos ampliar, buscar a maior participación para atopar a maior calidade nestas guías que nos servirán para utilizar con maior rigor a auga, que é un ben clave na economía de Galicia e, por suposto, un ben clave para as persoas pero tamén para as empresas e a actividade económica en xeral e para o medio ambiente da Comunidade”.