O programa de conciliación familiar “Lousame Concilia” vén de pechar a primeira das súas quendas, a correspondente ao mes de xullo, na que participaron vinte nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Unha derradeira semana de mes na que os pequenos e pequenas desfrutaron de sesións de zumba, de maxia, dun xogo da oca de tamaño real, de xogos de auga e dunha sesión especial de reciclaxe.
O patio cuberto do CPI Cernadas de Castro volveron, unha vez máis, a centralizar as actividades realizadas, como a adaptación do clásico xogo do pano de man con chorros de auga para combater a forte calor destas xornadas. Porén, a actividade máis laboriosa desta última semana foi a sesión de “Segunda vida”, un obradoiro no que os pequenos e pequenas están aprendendo a reciclar distintos obxectos de uso cotiá. Nesta ocasión, aprenderon a reciclar pequenas botellas de plástico en adornos para as súas casas.
Lousame Concilia Verán está organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo. O luns dará comezo a segunda quenda do programa, na que participan outros 20 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, a maioría xa participantes na quenda de xullo.