Durante o mes de agosto, os areais coruñeses acollerán a #ResistenciaCircular, formada por educadoras e educadores ambientais equipados con mochilas recolectoras de envases
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, xunto ao director de Cada Lata Cuenta, Pedro Serrano, e o responsable de patrocinio de Estrella Galicia, Víctor Mantiñán, presentaron esta mañá en María Pita a campaña “Circula a túa lata”, unha iniciativa que promove a reciclaxe de latas de bebidas e que se desenvolverá durante o mes de agosto nos areais coruñeses, co obxectivo concienciar sobre a importancia de reciclar dándolles unha nova vida a estes envases, e contribuír a mellorar a sustentabilidade das praias galegas.
Fontán destacou a importancia desta campaña, así como as de futuras actuacións que a Concellería de Medio Ambiente ten previsto levar a cabo, tanto en solitario como en colaboración con empresas e entidades. Agradeceulle á organización de Cada Lata Cuenta que compartise este proxecto co concello, así como a colaboración de Estrella Galicia, que, unha vez máis, “manifesta o seu compromiso co medio” e “demostra que administracións, empresas e entidades que defenden o medio podemos ir da man”.
No caso da cidade, a concelleira sinalou que na planta de reciclaxe de Nostián en 2019 recuperáronse 2.136 toneladas de envases de aceiro e de 224 toneladas de envases de aluminio. “A súa reciclaxe potencia a economía circular, un dos obxectivos que marcou o Goberno local”, explicou.
Fontán tamén aproveitou a presentación para anunciar que mañá comeza a segunda quenda de guías informativos que estarán nos arcos de control de acceso aos areais coruñeses e pediulle á veciñanza a súa colaboración.
Pola súa banda, o director de Cada Lata Cuenta quixo agradecerlle ao concello a súa implicación nunha iniciativa que trata de reforzar a idea a importancia da reciclaxe para promover a economía circular e coidar do medio.
Por último, o responsable de patrocinio de Estrella Galicia destacou que, a pesar de que este ano non se realizarán festivales, a intención da compañía, tras a boa acollida o ano pasado da campaña #daralata, é a de seguir concienciando sobre a importancia da reciclaxe. E, por iso, animou as coruñesas e os coruñeses a se uniren á #ResistenciaCircular para, deste xeito, traballar polo coidado do planeta.
Os organizadores explicaron que durante o mes de agosto, as e os bañistas atoparanse coa #ResistenciaCircular: varios equipos de educadoras/es ambientais que portarán unha mochila amarela para recolleren todas as latas de bebidas co fin de as reciclar e de lles dar unha nova vida. As latas son 100% reutilizables e un xesto tan sinxelo como depositalas no colector amarelo axuda a que se aforren
materiais e se reduza un 70% o consumo de auga e un 95% o consumo de enerxía.
Na Coruña, a iniciativa, que conta con Ecoembes como colaborador ambiental, poñerase en marcha nas praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, As Lapas, Durmideiras e Santo Amaro.
Ademais, como peche de campaña, organizarase unha Pixelata, unha obra de Street Art realizada con latas recollidas ao longo do mes. Este é un proxecto que combina arte, concienciación ambiental e cooperación e que consiste na creación dunha imaxe pixelada de gran formato a partir de latas de bebidas recicladas, pintadas na súa base e colocadas nun soporte formando un mural de latas recicladas. Todo o público está convidado a este encontro, que terá lugar na praia do Orzán, durante os días 28, 29 e 30 de agosto e contará coa presenza dun DJ.