Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño dalle luz verde ao convenio con Narón para o uso compartido da EDAR e a subministración de auga ás zonas limítrofes de Pedroso


 

O pleno municipal ordinario celebrado onte á tardiña deu como resultado máis destacado a aprobación do convenio que van suscribir San Sadurniño e Narón de cara a compartir servizos de depuración e abastecemento de auga na zona da Portela, limítrofe entre ambos concellos. O acordo -que se asinará previsiblemente a semana que vén- facilitará que unha vintena de vivendas de Pedroso poidan verter na EDAR de Cornide. A cambio, o Concello de Narón ofrecerá a través da empresa COSMA unha asistencia técnica para controlar semanalmente os parámetros e o funcionamento da depuradora. O convenio recolle tamén a posibilidade de conectar máis adiante as vivendas á rede de subministración de auga potable de San Sadurniño, aínda que antes será necesario levar a cabo un estudo no que se establezan as condicións do servizo e a súa cuantificación económica. O texto saiu adiante cos votos favorables do BNG e do PSOE, mentres que o PP optou pola abstención.

No texto aprobado onte no pleno indícase que o mantemento anual da depuradora de Cornide está cifrado en algo máis de 34.600 euros que ambos consistorios asumirán proporcionalmente segundo o número de domicilios usuarios, 262 en San Sadurniño e 20 en Narón. Este último deberá facerse cargo, polo tanto, dun 7,09% do gasto -2.460,16€/ano-, que se satisfará maioritariamente en especie mediante unha asistencia técnica, encomendándolle á empresa de augas COSMA a revisión semanal do funcionamento dos equipos, dos resultados analíticos e do funcionamento xeral da EDAR. Do custe total faltarían por cubrir algo máis de153 euros que Narón lle transferirá a San Sadurniño todos os anos mentres dure o acordo, que ten unha vixencia inicial e prorrogable de tres anos. Nel tamén se sentan as bases para abastecer os domicilios naroneses lindeiros coa Portela con auga procedente da potabilizadora da Agra de Arriba, posibilidade a curto ou medio prazo que será obxecto dunha memoria específica sobre custes e infraestrutura necesaria.

O Partido Popular explicou a súa abstención puntualizando que estaba de acordo “coa colaboración entre concellos” pero que consideraba que no convenio se deberan ter incluído cláusulas sobre as posibles indemnizacións no caso de incumprimentos. Tamén expresou as súas dúbidas sobre “quen conecta as nosas casas ao saneamento”, referíndose ás vivendas do lado de San Sadurniño que continúan sen rede. O Goberno local defendeu o contido do acordo sinalando que é “unha liña de traballo que queremos seguir no futuro” e que, ademais, a asistencia técnica proporcionada pola empresa COSMA -asumida por Narón- “é algo que nos fai moita falta”, posto que significará un seguimento semanal do funcionamento das instalacións por parte de persoal especializado.

Sobre a rede de saneamento municipal na Portela e Piñeiros, o alcalde recordoulle á voceira do Partido Popular, María Belén Trigo, que xa no 2008 a Consellaría de Medio Ambiente do bipartito se comprometeu a executar a infraestrutura tomando como base un proxecto técnico pagado polo Concello. Un proxecto que motivou nos últimos anos varias xuntanzas con responsables autonómicos e que foi obxecto de actualizacións solicitadas polo novo goberno da Xunta que, en palabras de Secundino García, “o gardou nun caixón”.

No pleno abordáronse outras cuestións que ou non xeraron debate ou foi só testemuñal. Foi o caso da modificación do inventario municipal de bens para incorporar nel as obras acometidas no castelo de Naraío ou a elección dos festivos locais para 2021, que quedaron fixados no 16 de febreiro -Martes de Entroido- e no 2 de xullo, Santa Isabel. Tamén se deu conta ao pleno dos acordos e resolucións adoptados pola Alcaldía desde a sesión anterior e a Corporación tomou razón da liquidación do orzamento de 2019.

Estes últimos eran asuntos que non requirían votación e que, polo tanto, non xeraron controversia entre os distintos grupos, habida conta ademais de que, no caso da liquidación, se trata dun documento económico de carácter técnico. Os números reflectidos nel cuantifican en 1.657.000 euros o remanente de tesouraría para gastos xerais axustado. Tamén indican que a 31 de decembro o Concello dispuña de 1.451.419€ de fondos líquidos e que a previsión de gastos descrita inicialmente no orzamento se executou en case un 80%, cumprindo ademais cos parámetros de estabilidade orzamentaria, de regra de gasto e de límite de débeda.

Onde si houbo debate abondo foi nas dúas mocións presentadas por BNG e PP referidas ás actuais restricións que teñen os municipios de todo o Estado para dispoñeren libremente dos seus remanentes e o seu superávit. Un corsé económico que arrancou en 2012 coa Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira, máis coñecida como “Lei Montoro”. A norma introduciu precisamente os conceptos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda de obrigado cumprimento para as administracións locais que, aínda tendo recursos e estando saneadas economicamente, non poden gastar os seus recursos como queiran nin canto queiran.

Agora, nun contexto de crise xerado pola pandemia, o Estado puxo enriba da mesa a proposta de financiarse cun préstamo de 14.000 millóns saído dos remanentes municipais e, a cambio, flexibilizar -dentro duns límites- as restricións da Lei Montoro para que os concellos teñan maior poder de decisión sobre como gastan os cartos. Con esa proposta inicial o Estado levantaríalles aos municipios as limitacións para investir 2.000 millóns este mesmo ano e outros 3.000 o ano que vén, co compromiso de volverlles o préstamo de 14.000 millóns nun prazo de 10 anos. Por aí van as negociacións entre o Estado e da FEMP -que hoxe mesmo debate a última proposta de acordo do Ministerio de Facenda- que non convencen de todo ao municipalismo das distintas cores políticas.

Ese é o trasfondo das mocións debatidas onte no pleno, que na súa esencia eran coincidentes solicitando autonomía municipal para a xestión dos seus recursos económicos, pero non nos detalles sobre como conseguir esa autonomía. No texto do BNG considerábase fundamental que os concellos poidan “atender competencias propias con cargo aos remanentes e/ou superávit, así como ampliar a capacidade de endebedamento das Administracións locais para afrontar eses gastos”. Na defensa da moción tamén se pediu “a derogación” da Lei Montoro e expresouse unha oposición frontal “á incautación (por parte do Estado) dos remanentes e superávit de concellos e deputacións”, cuantificando o total en Galicia en “case 900 millóns de euros”.

A moción do PP tamén rexeitou o movemento estatal entendéndoo como unha estratexia para “apropiarse” dos fondos dos concellos, pero matizando que a maior autonomía municipal no gasto público só requiriría “flexibilizar” a Lei Montoro.

O representante do PSOE, pola súa banda, defendeu que a proposta estatal suporá “desbloquear un 35%” dos fondos municipais que agora non se poden gastar por causa da Lei de Estabilidade Orzamentaria que, segundo recordou Lois Anxo Rodríguez, “segue vixente”.

No transcurso do debate xurdiu a posibilidade de consensuar unha moción conxunta que combinase o argumentario do BNG e do PP. Finalmente non houbo acordo e o texto popular foi rexeitado cos votos en contra dos edís do BNG e do PSOE. A moción nacionalista saiu adiante cos seus sete votos a favor, a abstención do concelleiro socialista e os tres votos en contra do Partido Popular.

Tras este punto, o que xerou maior dialéctica neste primeiro pleno presencial tralo inicio da crise, entrouse no apartado de rogos e preguntas, todas elas expostas polos representantes populares. Falouse, entre outros, do estado da rede viaria, das previsións sobre o orzamento municipal de 2020, da sinalización no castelo de Naraío, dos desbroces de pistas ou do resultado da xuntanza entre Concello e empresas do municipio de cara a detectar as súas necesidades por causa da crise. Asuntos recollidos na parte final da gravación da sesión, á que se pode acceder desde esta ligazón.