Friday 22 de November de 2024

Camariñas aproba definitivamente a desafección da escola de Xaviña para que funcione como un espazo sociocultural


 Tamén se aprobou a proposta do Plan Único Adicional da Deputación da Coruña, que se dedicará a gastos correntes e a sufragar gastos orixinados pola COVID-19.

O goberno local de Camariñas efectuou hoxe en pleno a aprobación definitiva da desafección da escola de Xaviña,. O obxectivo é acondicionala posteriormente para que poida funcionar como un espazo sociocultural.
O inmoble que anteriormente albergaba a escola de Xaviña é un ben municipal que no seu momento se cedeu á Consellería de Educación para que funcionase como centro educativo, un servizo que non se desenvolve desde hai anos.
Por iso, a Consellería de Educación renunciará a concesión do uso deste inmoble e o Concello poderá realizar os traballos necesarios para transformalo nun centro sociocultural que poida albergar as actividades ou eventos que se leven a cabo na parroquia de Xaviña.
O goberno local cre que “é necesario darlle xa un uso a este inmoble para evitar o seu deterioro co paso do tempo e que mellor que utilizalo para satisfacer o interese público dos veciños e veciñas tanto da parroquia de Xaviña como de todo o municipio”.
Outros asuntos
Ademais, a sesión plenaria tamén serviu para aprobar a proposta do Plan o Adicional para destinar, por unha banda, 107.169,90 euros para gasto corrente e, pola outra, 28.578,64 euros para financiar gastos orixinados pola crise sanitaria da COVID-19.

Ante a solicitude presentada, recoñeceuse a bonificación do 50% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras. Ademais, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de crédito para pago a provedores por 151.671,74 €.