O Concello acaba de habilitar o carril contiguo ao Paseo Marítimo desde a fonte dos Surfistas até As Escravas como carril 30. No resto das vías mantense o límite de velocidade en 50km/hora.
A actuación é similar á levada a cabo na rúa Juan Flórez, onde se reduciu a velocidade no carril dereito e na Avenida da Habana. O Goberno local prosegue desta maneira co Plan Mobilidade Sustentable #Coruñacamiña para acadar unha nova mobilidade que lles dará prioridade ás peoas e peóns, ás bicicletas e ao transporte público e que busca gañar espazos de maior calidade urbana. Segundo, o edil de Mobilidade, Juan Villoslada, esta actuación ten como obxectivo reducir a velocidade dos coches no centro da cidade e acadar unha maior seguridade para as persoas viandantes e lembrou que o Goberno está a implantar a limitación a 30 quilómetros en toda a cidade de xeito progresivo (excepto nalgunhas rúas nas que se poderá seguir circulando a 50 km/h: Ramón y Cajal, Fernández Latorre, Pérez Ardá até a rolda de Outeiro, Sánchez Bregua, Juana de Vega, Rexedor Somoza e o túnel da praza de Pontevedra).