Friday 22 de November de 2024

Aprobado o novo regulamento das escolas infantís municipais, que serán gratuítas para todas as nenas e nenos o vindeiro curso


A Corporación Municipal aprobou, por unanimidade, a designación do parque Ofimático como Xuxán

O Pleno municipal aprobou o novo regulamento das Escolas Infantís Municipais, un regulamento que, entre outras cousas, suporá a gratuidade do ensino de 0 a 3 anos a partir do vindeiro curso para as 829 prazas existentes. Así, os nove centros da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM)- Agra do Orzán, Arela, A Caracola, Carmen Cervigón, Carricanta, Os Cativos, Luís Seoane, Monte Alto e Os Rosales- comezarán o curso cun novo regulamento que mellora a participación das nais e pais na xestión, máis inclusivo e cun carácter máis educativo.
O voceiro socialista, José Manuel Lage Tuñas, agradeceu as achegas feitas desde distintos colectivos nas alegacións presentadas ao regulamento, boa parte das cales foron aceptadas e incorporadas ao texto. Lage Tuñas recoñeceulle á Marea Atlántica a súa disposición para acordar o texto final. Para o voceiro do Goberno, as familias contan agora con “escolas máis inclusivas, integradoras e participativas” e agradeceulles as directoras dos centros un labor “que fai posible que a Rede de Escolas Municipais sexa un referente en toda Galicia, un sinal de identidade”. Lage apuntou que o novo regulamento representa un primeiro paso na mellora das escolas, pero que non será o único xa que o Goberno local ten previsto por en marcha novas iniciativas para reforzar a rede municipal “seguindo as directrices marcadas pola alcaldesa, Inés Rey, de facer do público unha referencia”, dixo.

Entre tales iniciativas, farase un informe económico para estudar a viabilidade de reducir as ratios de alumnas/os por aula e, como tamén solicitou o BNG, instaurarase un protocolo sanitario para comezar o novo curso con medidas extraordinarias de seguridade. Lage Tuñas recordou que foron alcaldes socialistas os que crearon e impulsaron a rede municipal de escolas infantís, e indicou que se está a traballar na mellora da seguridade xurídica das empresas concesionarias.
A Corporación Municipal aprobou, por unanimidade, a designación do parque Ofimático como Xuxán. O Goberno local comprometeuse, durante o debate da designación do novo barrio, a convocar unha Mesa de Traballo para abordar as afeccións urbanísticas derivadas do desenvolvemento construtivo da zona. O voceiro socialista, José Manuel Lage, avanzou que a vindeira semana o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, manterá unha reunión coa veciñanza para buscar unha solución á cualificación dos terreos e analizar as finalización das obras pendentes no polígono “dotándoo de servizos para as familias que chegan a este barrio”, pero tamén lembrou que moitos gobernos anteriores no souberon atopar unha solución.
O Pleno deulle luz verde ao novo rueiro para Xuxán, proxecto nado 1990 como destino para la localización empresas tecnolóxicas -de aí o nome de parque Ofimático- pero que mudou de usos. Longarela, Galán, Agrelo, A Canteira, Campo de Galán e A Viña son os outros nomes elixidos para nomear as vías principais do barrio co fin de manter viva a memoria do lugar.
Por outra banda, a Corporación aprobou, coa abstención do PP e Marea Atlántica, o expediente de recoñecementos extraxudiciais de obrigas para imputar ao orzamento de 2020 para pagar facturas pendentes por valor de 1,7 millóns de euros coa compañía de Tranvías, facturas derivadas da bonificación que realiza aos concellos en cada viaxe aos usuarios que empregan a tarxeta Millenium ou posúen algunha tarifa especial. Tamén aboaranse facturas pola xestión dos residuos urbanos na planta de reciclaxe de Nostián no 2019.

O voceiro do Goberno local recordou durante o debate que o Concello da Coruña é o primeiro en Galicia en licitación de obra pública (con máis de 8 millóns de euros no primeiro semestre), que destina 64 millóns a investimentos reais (máis que nas últimas cinco anualidades), e que se levan convocados 75 concursos de obra pública fronte os 22 do anterior executivo no mesmo período de tempo. “A contratación pública mudou neste Concello”, dixo.
Por outra banda, a Corporación debateu tamén dous expedientes de modificación de créditos, para afrontar diversos gastos, derivados en boa parte dos efectos da pandemia. O primeiro dos modificativos foi aprobado cos votos do PSOE e Marea, tras acordar unha emenda que contempla partidas para distintas entidades culturais e deportivas, e abstención dos restos dos grupos. O modificativo M3/2020 destina 443.039 euros para financiar os labores de desinfección de espazos públicos a causa da COVID-19, incrementar o contrato de servizos de control sanitario de animais, e para o mantemento do sistema de control da capacidade nas praias.
Tamén achega 78.500 euros para reequilibrar as contas das Escolas Infantís Municipais, afectadas polas perdas ocasionadas durante a pandemia da COVID-19.

O segundo unifica os dous convenios asinados coa Academia Galega do Audiovisual, sen que varíe a cantidade asignada a esta entidade: 104.500 euros. E achega 50.000 euros a unha execución conxunta de creación de hortos urbanos.
O pleno, de carácter extraordinario, aprobou finalmente os catro puntos levados polo goberno local ao debate, dous deles por unanimidade e os outros dous sen votos en contra.