Álex Rodríguez actúa esta noite no Garufa Club e Pauliña na sala Mardi Gras, mentres que o Playa Club ofrece hoxe a Presumido e mañá a Electra
O novo ciclo musical da Xunta Directos Xacobeo’21 en Salas desenvolve hoxe e mañá unha intensa programación na cidade da Coruña, onde terán lugar catro concertos a cargo de Álex Rodríguez, Pauliña, Presumido e Electra. A Xunta impulsa a posta en marcha desta programación, que se desenvolverá ata finais de outubro en 35 locais de música ao vivo de toda Galicia, no marco do Plan autonómico para a reactivación dos sectores cultural e turístico.
A Consellería de Cultura e Turismo financia integramente este circuíto, para o que conta coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura na xestión e coordinación dos concertos, que ademais de se celebrar con público en directo, están a ser gravados para a súa emisión en liña a través da web www.directosxacobeo.com.
As actuacións de hoxe comezarán ás 21,30 h. no Garufa Club co directo de Álex Rodríguez, cantante venezolano cunha dilatada traxectoria artística no seu país e en Galicia como solista de recoñecidas orquestras. O seu proxecto persoal máis ambicioso é a Orquesta Salsomanía e no Garufa Club ofrecerá unha derivación en formato solista, nun espectáculo cheo de matices e distintos xéneros.
Na sala Mardi Gras actuará ás 22,30 h. Paula Chaves, máis coñecida por Pauliña, á que a crítica define como unha das voces femininas galegas con máis carácter e personalidade do panorama actual. Este ano está a presentar o seu segundo disco Malfalada, tras o éxito de seu primeiro traballo, De-xeneración.
Pola súa banda, o Playa Club acollerá dous dos Directos Xacobeo’21 desta semana: Presumido esta mesma noite, ás 21,30 h., e Electra, mañá venres ás 22,30 h. O primeiro deles, presenta na Coruña o dúo de Tarci Ávila e Nacho Dafonte, que continúan en ruta despois do gran percorrido que levaron a cabo o ano pasado co seu segundo traballo, Catro estaciones. Este disco valeulles a inclusión en máis de 30 listas do mellor do ano por recoñecidos medios musicais, así como actuacións no World Pride, Sonorama, Ribeira, Atlantic Fest, Portamérica, Festival de la Luz, Día dos Museos de Radio 3, Lles’s Festival ou Festival Noroeste, entre outros.
Neste mesmo escenario do Playa Club, Directos Xacobeo’21 en Salas ofrecerá mañá venres a actuación de Electra, banda coruñesa liderada polo guitarrista e compositor Pablo Rega. A súa proposta sitúase a medio camiño entre a improvisación libre e a composición contemporánea, conxugando as súas orixes artísticas no rock psicodélico con influencias posteriores máis vangardistas. Para materializala, rodeouse de músicos de sobrada experiencia como Álvaro Dorda, Miguel Martínez, Ramón Alonso, Enrique Otero e Santi Roma.
Este novo ciclo da Xunta de Galicia, que mañá recalará tamén na sala Clavicémbalo de Lugo con Wealman, ten como obxectivo impulsar a recuperación da actividade das salas privadas e dos profesionais da música ao vivo en Galicia tras o peche obrigado durante o estado de alarma, sempre seguindo as indicacións das autoridades competentes en canto ás limitacións da capacidade dos locais e ás medidas hixiénico-sanitarias.