Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo para que a mocidade de Vimianzo, Camariñas e Muxía faga a solicitude do obradoiro de emprego xuvenil ‘Xuventude polo emprego’


O inicio está previsto para o 15 de setembro, a sede estará en Vimianzo e as prazas repartiranse equitativamente entre os tres municipios

Xa está aberto o prazo para que a mocidade dos Concellos de Vimianzo, Camariñas e Muxía envíen as súas solicitudes para participar no programa de emprego xuvenil ‘Xuventude polo emprego’, que permitirá formar a 16 mozos e mozas de entre 18 e 29 anos incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
Os rexedores dos tres municipios; Mónica Rodríguez, Sandra Insua e Iago Toba; decidiron unir forzas co obxectivo de fomentar o emprego, aumentar a inserción laboral e mellorar as capacidades dos seus veciños e veciñas.
Así, conseguiron unha subvención de 369.492,32 euros para levar a cabo o programa de emprego, que está cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Fondo Social Europeo ‘Iniciativa de Emprego Xuvenil, o FSE inviste no teu futuro’.
A sede estará en Vimianzo, como entidade promotora, pero as prazas repartiranse de xeito equitativo entre Vimianzo, Camariñas e Muxía.
Desenvolveranse dous módulos: ‘Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web’ e ‘Instalación de elementos de carpintería’. Todos os alumnos terán un contrato de traballo durante a súa formación, que se desenvolverá do 15 de setembro de 2020 ao 14 de setembro de 2021, con 1920 horas lectivas.

Para inscribirse ou obter máis información os interesados ou interesadas deben poñerse en contacto co servizo de orientación de Vimianzo e Camariñas ou co Servizo Público de Emprego de Cee. Xuventude polo Emprego Divídese en dous módulos, no caso do primeiro os obxectivos son: desenvolvemento de aplicacións web para asociacións e a creación de ferramentas para a bolsa de emprego municipal, para a xestión do arquivo audiovisual municipal e de axenda de eventos territorio. Tamén se encargarán de elaborar aplicacións para as áreas de turismo.
Os obxectivos do segundo módulo son: montaxe de casetas multifuncionais en Vimianzo e Camariñas, actuación na fachada da biblioteca municipal de Camariñas, mantementos e mobiliario en todo Vimianzo e específicamente na escola de Reboredo e na de Señoráns e arredores, mantementos e
melloras de chan e paramentos de madeira das oficinas da Casa de Pedra de Camariñas e o mantemento e a mellora de elementos de madeira da área fluvial do Río Negro en Muxía.