Friday 22 de November de 2024

Bonos de estacionamento gratuíto para reactivar o comercio compostelán


Este xoves, o salón verde do consistorio acolleu a sinatura dos convenios de colaboración entre o Concello e as catro principais asociacións de comerciantes da cidade para o desenvolvemento dun programa de reactivación das compras mediante a entrega de bonos de estacionamento. Esta medida enmárcase no Plan Municipal de Reactivación Económica, posto en marcha para paliar os efectos económicos adversos derivados da crise sanitaria da Covid-19.

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, entre cuxas competencias directas tamén está o Departamento de Comercio, asinou estes convenios. Polas asociacións comerciais firmaron: José Manuel Bello, presidente de Compostela Monumental; Eva López, presidenta da asociación Em Rede; José Antonio Seijas, presidente da asociación Punto Compostela; e José María Fernández, presidente do Padroado da Fundación Santiago Centro.

A achega municipal para cada unha das asociacións é a seguinte: 29.166 euros para a Fundación Santiago Centro e para Compostela Monumental; 5.000 euros para Em-Rede; e 33.666 euros para Punto Compostela. Serán gastos subvencionables os derivados da compra dos bonos de aparcadoiro procedentes dos distintos estacionamentos de cada ámbito, realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2020, data esta última de límite de xustificación.

Grazas a estas achega municipal, que alcanza un total de 100.000 euros, polo 75% do custo do bono, cada asociación distribuirá entre os establecementos comerciais que o soliciten, asociados e non asociados a dita entidade, bonos de aparcadoiro dos aparcamentos da cidade do seu ámbito de actuación, é dicir, da contorna do casco histórico compostelán. Os/as clientes poden acceder a unha hora de aparcamento gratuíto polas súas compras, cun gasto mínimo de 18 euros.

Os catro representantes das entidades comerciais valoraron a iniciativa e a súa idoneidade para “poder aparcar con tranquilidade e así incentivar o pequeno comercio”. Nesta liña tamén se pronunciou o alcalde, que agradeceu o “espírito de traballo” e a colaboración das asociacións en accións como esta, que pretenden “axudar a superar unha etapa moi complicada”. Lembrou que certa parte do comercio está evolucionando ben, pero non a parte vinculada ao turismo.

“Intentaremos manter esta liña de axudas”, afirmou o rexedor, quen cualificou o comercio coma “unha parte esencial do modelo de cidade”.