O Concello de Touro editou un vídeo, que o promociona a través da súa web e das redes sociais, no que anima a comprar e consumir no comercio e nos establecementos locais. Trata así de incentivar que tanto a poboación que vive no Concello como a xente que poida visitar as localidades do municipio aposten por comprar e consumir nos negocios establecidos en Touro nestes tempos nos que as vidas de veciños e veciñas teñen que convivir coa ameaza da Covid19. “Apoia o comercio local, apoia Touro”, así fala unha nena ao remate do vídeo, que repasa a través dunha serie de imaxes todo o que ofrece o comercio local: panaderías, carnicerías, pequenos supermecados e comercios, negocios locais, establecementos de hostalería e os postos que ofrecen todo tipo de productos na feira do día 5. As persoas que están ao fronte de moitos negocios interveñen no vídeo e invitan a comprar en clave local. “Apoia o producto local, o comercio da terra; apoia a túa esencia; apoia o comercio de toda a vida; apoia o comercio local porque sabemos coidarte e xuntos retomaremos a marcha; apoia o comercio de confianza porque é o teu pasado, porque é o teu presente, porque é o teu futuro”, afirman os pequenos empresarios. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido Barreiro, tamén aparece no vídeo mercando nun posto da Feira do día 5, que se celebra nas rúas de Fonte Díaz todos os días 5 de cada mes. “Quen merca no pequeno comercio está pensando en grande, pensa no rural, pensa en calidade, pensa en Touro”.