A Administración autonómica vén de acometer unha ampliación de crédito nesta liña de axudas, que beneficiará a nove concellos máis da área territorial da Coruña
A Xunta de Galicia financiará programas de conciliación en nove concellos da área territorial, logo de que a Administración autonómica ampliara esta liña de axudas destinada aos concellos. En concreto, os novos Ponteceso, Vilarmaior, Monfero, Moeche, Valdoviño, Mesía, Cee, Miño e Malpica de Bergantiños, con máis de 81.000 euros.
Estes municipios súmanse aos 32 concellos coruñeses da provincia que recibiron axudas para levar a cabo programas de conciliación na convocatoria inicial. Concretamente, Oza- Cesuras, Aranga, Bergondo, Boimorto, Boqueixón, Cabana de Bergantiños,.Cabanas, Carnota, Coirós, Corcubión, Curtis, Dodro, Frades, Irixoa Laxe, A Laracha, Lousame, Murgardos, Negreira, Ortigueira, Paderne, Outes, A Pobra do Caramiñal, O Pino, Rois, Santa Comba, Santiso, Sobrado, Tordoia, Vedra, Vilasantar e Cariño, cun importe total de máis de 322.000 euros.
Estas novas concesións inscríbense dentro da ampliación de crédito que vén de acometer a administración autonómica na liña de axudas a concellos para programas de conciliación. En toda Galicia, o incremento orzamentario supera os 220.000 euros, co fin de chegar a máis concellos, moi especialmente tendo en conta a demanda rexistrada e o elevado interese que xeran estas accións de conciliación.
Cómpre recordar que o programa de fomento de conciliación non é a única liña de axudas destinada a concellos para a promoción da igualdade. Ademais dela, a Xunta pon a disposición dos concellos galegos outros tres programas de financiamento: de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención e tratamento da violencia de xénero; de financiamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM); e de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Os tres primeiros están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, mentres que o último está financiado ao abeiro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Na provincia da Coruña, ao abeiro destas catro liñas de axudas, resultaron beneficiarios inicialmente un total de 76 concellos, cun importe de 1,1 millóns de euros.