Thursday 21 de November de 2024

Un total de 150 pisos do polígono de Labañou destinaranse a vivendas de protección oficial


O plan, aprobado esta mañá pola Xunta de Goberno Local, tamén prevé construír un aparcadoiro público con un total de 358 prazas, que servirá para paliar o déficit de prazas no barrio.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta maña o proxecto do Plan especial de Labañou PE M18, promovido pola Asociación de propietarios “As Percebeiras”. Agora enviarase á Xunta para a súa avaliación  ambiental estratéxica e, se for favorable, levarase ao Pleno para a súa aprobación inicial.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, asegura que este desenvolvemento urbanístico aumentará o parque de vivenda pública na cidade e impulsará un espazo verde de 14.000 metros cadrados para uso da veciñanza do barrio. Un 40% das vivendas previstas no polígono, situado entre o Paseo Marítimo, a avenida de Labañou, xunto ao grupo de vivendas de María Pita e o centro Padre Rubinos, destinaranse a vivendas de protección oficial. O plan tamén prevé construír un aparcadoiro público con un total de 358 prazas, que servirá para paliar o déficit de prazas no barrio.
A Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde o proxecto de reparación da ponte da avenida da Universidade sobre a avenida García Sabell, cun orzamento de 884.013 euros.
E ademais foi informada da resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade de Galicia, TACGal, que estimou o recurso presentado pola UTE Valoriza Servicios Ambientales y Arias Infraestruturas SA contra a adxudicación do contrato do Servizo de conterización, recollida e transporte de residuos urbanos da Coruña e obriga ao concello a anular o procedemento en que se excluíu a súa oferta. Tamén se tomou coñecemento da resolución do Tribunal en relación ao recurso presentado pola UTE Copasa-Geseco-Setect Building, que obriga ao concello a retrotraer o expediente á fase de valoración das propostas.

Autorizouse a suspensión de contratos da xestión de servizos e cesamento da prestación de servizo público das Escolas Infantís Municipais do 21 ao 31 de xullo de 2020. A prestación contractual reiniciarase o 1 de agosto para realizar tarefas de matrícula de novas e novos usuarios e preparación das instalacións para o inicio do novo curso escolar.
Na sesión desta mañá, déronlle luz verde á resolución por mutuo acordo do contrato de servizos para organizar e xestionar o programa educativo municipal “Bolsas USA”, que foi cancelado pola pandemia da Covid-19 ante a imposibilidade de garantir a seguridade e saúde das persoas beneficiarias.
A Xunta de Goberno tamén lle concedeu a Abeconsa SL unha licenza para modificar o proxecto de construción dun edificio no soar 14 na rúa Marqués de Amboage co fin de reducir o número de vivendas de 24 a 22, modificar a distribución das vivendas, de dous rochos e do local comunitario da planta baixa.
Por outra banda, estimouse de maneira parcial o recurso presentado por unha persoa particular contra as bases da convocatoria das Escolas Infantís Municipais.

Modifícase o apartado VII, que recollerá que, unha vez completado o proceso de admisión e sempre que existiren prazas vacantes, abrirase un novo prazo de solicitude. Someterase, neste caso, aos mesmos criterios de baremación sinalados nestas bases. Nesta nova convocatoria, poderán solicitar praza as persoas empadroadas con posterioridade ao 1 de xaneiro, sempre que non existir demanda do servizo por persoas que cumpran este requisito.

Tamén se aprobou a concesión dunha subvención á Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña por un importe de 200.000 euros, e outra ao Hóckey Club Liceo da Coruña por 95.000 euros. E, por último, aprobáronse os pregos para a contratación do deseño, subministración e instalación da iluminación ornamental do Nadal e do Entroido.