O alumnado do obradoiro de cociña O Pote, que vén de retomar a principios de xullo a súa actividade formativa logo do confinamento durante o estado de alarma, realizou este mediodía unha visita á lonxa de Ribeira para coñecer de primeira man o funcionamento desta rula, líder en España en toneladas de descarga de peixe fresco e un referente en Europa.
Guiados por Jandro Ayaso, os estudantes circularon polas distintas dependencias en que se divide a amplísima instalación, puidendo familiarizarse así cos pormenores desta modélica e punteira infraestrutura.
Nos transcurso da súa estancia tiveron a ocasión de presenciar unha puxa electrónica de bivalvos e agardan que moi pronto poidan repetir cunha nova visita para asistir a unha tradicional subasta cantada á holandesa de maior a menor prezo de parada.
Ao principio da visita estiveron acompañados polo concelleiro de Dinamización Económica, Ramón Doval.