Saturday 16 de November de 2024

Padrón e Santiago renovan a súa irmandade nas Festas do Apóstolo e poñen en valor o crecemento do Camiño Portugués


As festas do Apóstolo celebraron este martes o tradicional Día de Padrón en Santiago, no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade. Así sucede tamén, á inversa, na Pascua padronesa, se ben este ano non se puido realizar este encontro por coincidir co confinamento e o estado de alarma.
A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa diante dos soportais do Pazo de Raxoi, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Despois, os/as representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse ao salón vermello da Casa do Concello.
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, reivindicou o recoñecemento do Camiño de Santiago a Padrón, “o lugar onde todo comezou, o primeiro topónimo que aparece na Lenda Xacobea e, como me gusta dicir, o berce do Xacobeo”. “Pola nosa vila xa pasa o Camiño Portugués, que no 2019 deixou case 100.000 peregrinos, e nese ano expedimos un total de 6.590 diplomas da Pedronía, un 64% máis ca no 2018. Unhas cifras que corroboran o noso acerto ao apostar por recuperación deste camiño de peregrinación”, apuntou o alcalde padronés.
Un punto no que coincidiu o alcalde compostelán, quen destacou que “ata o 14 de marzo, de todos os Camiños de Santiago o que máis crecía era o portugués. O alcalde fala dun 64% máis de Pedronías e ese crecemento do que eu falo estaba por riba do 60%”. Así mesmo, Sánchez Bugallo apuntou que “Santiago non se pode entender sen Padrón", grazas a “unha
unión forxada no tempo sobre todo a través das persoas”. O rexedor brindou a colaboración
de Santiago “en todos os ámbitos” con Padrón e convidounos a desfrutar destas “especiais”
festas do Apóstolo.
Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar un concerto a cargo das bandas municipais de música das dúas vilas, que remataron coas interpretación dos himnos de Galicia e de España.