Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente recibiu este ano 70 solicitudes de axudas para executar actuacións no Parque Natural das Fragas do Eume


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou esta mañá algunhas das obras acometidas nesta zona ao abeiro da convocatoria 2018-2019
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recibiu este ano 70 solicitudes de axudas públicas para a execución de actuacións de mellora no Parque Natural das Fragas do Eume. Así o adiantou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita a Monfero para coñecer algúns dos traballos que se levaron a cabo grazas ao apoio económico da Xunta neste concello da comarca eumesa.
A orde de axudas para a mellora e conservación dos parques naturais de Galicia 2020-2021 foi publicada o pasado mes de febreiro por un importe global de 1,4 millóns de euros e nestes momentos está en fase de resolución, polo que nos próximos días coñeceranse cales son os proxectos subvencionados.
Das máis de 200 solicitudes que se recibiron no marco desta convocatoria, do Campo explicou que 70 están relacionadas con diferentes tipos de intervencións a realizar por promotores públicos ou privados dentro do ámbito das Fragas do Eume, o que representa aproximadamente un terzo das iniciativas recibidas no conxunto dos seis parques.
Neste sentido, subliñou o interese amosado unha vez máis por concellos, asociacións, empresas e particulares desta zona por impulsar e contribuír á difusión dos valores naturais e turísticos das Fragas do Eume, como demostra o notable número de proxectos que optan á liña de subvencións convocada por Medio Ambiente para esta anualidade e a seguinte. Cofinanciadas con fondos europeos

As axudas para acometer accións nos parques naturais da comunidade están cofinanciadas polo Fondo Agrícola Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) e como lembrou Belén do Campo, entre os seus obxectivos principais figuran a mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, a través da construción de cercas, sebes ou da restauración de muros; a sinalización de camiños e a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; ou a recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional como hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes…
Precisamente, a directora xeral de Patrimonio Natural visitou esta mañá varios exemplos de rehabilitación de elementos tradicionais executados en Monfero grazas á convocatoria anterior desta liña de subvencións, como un palleiro e mais un hórreo no lugar de Abeleira, no Val de Xestoso, ou un muíño en Casal da Bouza.
Estas tres actuacións, precisamente, foron promovidas e realizadas polos propietarios dos elementos obxecto de restauración. Unha participación da sociedade civil que contribúe tamén, segundo explicou, ao impulso e conservación dos parques naturais galegos, como demostra o feito de que a meirande parte das actuacións aprobadas ao abeiro da convocatoria de axudas 2018-2019 foran presentadas por particulares.
En total, do Campo lembrou que no conxunto do Parque Natural Fragas do Eume concedéronse con cargo á convocatoria 2018-2019 preto de 362.000 euros para a execución dun total de 29 actuacións -28 promovidas por particulares e unha polo Concello de Cabanas-, aos que cómpre sumar tamén os 23.000 euros investidos na ruta de sendeirismo Iris-Valedoso, no termo municipal de Cabanas.