O Concello de Santiago lanzou este martes a nova páxina web compostela2030.gal, coa finalidade de enmarcar todas as políticas públicas municipais aliñadas coa Axenda 2030 da ONU para o desenvolvemento sostible nun portal común e accesible para toda a cidadanía. A web inclúe un vídeo explicativo que introduce ao visitante en como se está a desenvolver a Axenda 2030 na cidade.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o técnico municipal responsable de Emprego, Xavier Ferreiro, explicaron os contidos básicos desta web, que remiten ás liñas de actuación municipais para cumprir os obxectivos da Axenda 2030. As accións recollidas no portal web compostela2030.gal representan os elementos operativos que se veñen levando a cabo no Concello de Santiago de Compostela e que van na liña dos obxectivos da Axenda 2030. Son accións de diferente natureza: de sensibilización e educación; de carácter normativo, relacionadas co financiamento, subvencións e incentivos fiscais; de realización de estudos; de xestión de equipamentos e infraestruturas; e de integración de criterios no planeamento urbanístico, entre outras, abordando diversos ámbitos da xestión municipal.
Sánchez Bugallo enmarcou os obxectivos da Axenda 2030 como “unha das prioridades deste Goberno”, aliñando as políticas municipais nesta dirección, se ben recoñeceu que a Covid-19 “obrigou a dirixir determinados recursos económicos previstos para estas actuacións a outras finalidades, como as do Plan de Reactivación Económica”.
Apuntou que o obxectivo central da nova web é “definir a folla de ruta para a Axenda 2030” e “transparentar as actuacións” nesta dirección, ademais de ser “un chamamento á participación e a dixitalización da Administración”. Todo isto, co fin de “conseguir unha cidade próspera, equilibrada económica, social e territorialmente, e unha cidade sostible”, concluíu.
Na mesma liña se pronunciou Xavier Ferreiro, encargado de detallar as características da nova web, que definiu como “un espazo de sensibilización dende o punto de vista local” cara os obxectivos da Axenda 2030.
Catro dimensións
Coa intención de facilitar o acceso ás persoas interesadas, os 17 obxectivos de desenvolvemento sostible no eido local están divididos en catro grandes bloques: persoas, planeta, prosperidade e paz e alianzas. Agora xa é posible consultar todas as políticas públicas municipais mediante os seguintes programas mestres que recollen toda a información:
– Santiago, cidade de alianzas.
– Santiago, cidade educadora.
– Santiago, cidade innovadora comprometida coa sustentabilidade.
– Santiago, cidade integradora.
– Santiago, cidade participativa.
– Santiago, cidade patrimonial.
– Santiago, cidade verde.
– Santiago, cidade do emprego, do crecemento económico e do talento
– Santiago en acción polo clima.
– Santiago recicla.
– Santiago, responsable no consumo.
Esta iniciativa foi promovida mediante o obradoiro de emprego Santiago Sustentable, no que participaron 16 alumnos/as traballadores/as, formados na especialidade de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web.
Axenda 2030
A Axenda 2030 establece 17 obxectivos de desenvolvemento sostible con 169 metas que abarcan as esferas económica, social e ambiental, e son unha chamada a todos os países, xa sexan ricos, de ingresos medianos ou pobres, a realizar súas as medidas para promover a prosperidade ao tempo que protexen o planeta. Esta nova estratexia rexerá os programas de desenvolvemento mundiais ata o ano 2030. 193 países subscribiron estes compromisos.