Saturday 16 de November de 2024

A Concellaría de Medio colabora no VI Maratón Ornitolóxico o 31 de xaneiro


O prazo para apuntarse de xeito gratuíto á actividade Coruñaves 2015, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, finaliza o día 30

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio, colabora co Grupo Naturalista Hábitat na organización do
VI Maratón Ornitolóxico Coruñaves 2015, que se celebra o próximo 31 de xaneiro e ten como obxectivo achegar o avistamento e a identificación de aves ao público xeral.
A actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número posible de especies de aves dentro do municipio da Coruña. Para poder participar no maratón Coruñaves 2015, formaranse equipos de mínimo dous participantes. A inscrición é gratuíta e o prazo manterase aberto ata o 30 de xaneiro no número de teléfono 981 135 014 e no correo electrónico gnhabitat@yahoo.es, indicando nome completo, correo electrónico e teléfono, e poñendo no asuntoCoruñaves.
Os participantes deberán presentarse no local do Grupo Naturalista Hábitat
(cale Camariñas, número 8, baixo) ás 09.00 horas para organizar os grupos, repartir o material e recordar as normas de participación. A saída será ás 09.30 horas e o prazo para ver aves prolongarase ata as 13.30 horas, momento no que deberán presentarse de novo no local do grupo.
Só permitirase ver aves dentro do municipio da Coruña e poderanse utilizar prismáticos, telescopios, cámaras fotográfica e guías de aves. Aconséllase aos participantes o uso de medios de transporte ambientalmente sostibles (bus urbano, bicicleta ou a pé), pois a utilización do coche particular terá penalización. Todas as especies vistas deben ser anotadas (3 puntos para cada especie vista por só un dos equipos participantes; 2 puntos se é vista por dous equipos; e 1 punto se o é por tres ou máis equipos). Os gañadores obterán un lote de produtos Hábitat.