A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá a programación cultural do mes de agosto, acompañada por Xosé Lois Penas, deputado provincial da Deputación da Coruña, e Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia. O Festival C reúne arredor de medio cento de actividades de música, circo, poesía e artes escénicas e visuais en diferentes espazos da cidade.
Baixo o nome de Festival C, organizado pola Concellaría de Acción Cultural e xestionado polo Auditorio de Galicia, reúnense case medio cento de actividades artísticas e culturais que terán lugar en diversos espazos da cidade ao longo do mes de agosto, e que contan co apoio da Deputación da Coruña e do Consorcio de Santiago de Compostela. Danza, circo, literatura, música e artes escénicas e visuais serán as protagonistas nas rúas, prazas e espazos culturais de toda a cidade, nas que terán especial presenza os eventos desenvolvidos ao aire libre.
O Festival C inclúe un amplo abano de disciplinas artísticas, con propostas moi diversas. Así, haberá actividades de circo dirixidas ao público familiar na praza da Quintana, funcións de danza no parque de Bonaval e recitais de poesía que, baixo o título “Na distancia medran versos”, desenvolveranse no paseo da Ferradura da Alameda.
Nas rúas do Ensanche realizaranse dúas intervencións artísticas efémeras, Dioiva de nomes de muller e Os nomes que habitamos, que nos levarán a reflexionar sobre as mulleres creadoras e a súa pegada na cidade. Pola súa banda, Isaac Díaz Pardo será o protagonista dos itinerarios culturais no ano do seu centenario.
O Festival C inclúe dous ciclos ben coñecidos na cidade: De Lugares e Órganos, que versa arredor do patrimonio organístico e achega concertos deste instrumento a diversas igrexas compostelás; e unha edición de verán de Compostela Ilustrada, que inclúe obradoiros, encontros con artistas e a elaboración dun mural en directo.
O concerto de aniversario do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) na finca de Vista Alegre, xunto coas actividades lúdicas infantís en galego do programa Apego, completan este Festival C, que se desenvolverá do 1 de agosto ao 1 de setembro. Todas as actividades son gratuítas e poden consultarse na web compostelacultura.gal.
Reserva de entradas
Coa vontade de garantir o estrito control dos aforos e a distancia de seguridade entre as persoas que asistan aos eventos, será preciso reservar convite, preferentemente a través da web compostelacultura.gal, así como no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de luns a venres de 18:00 a 20:00 h.
As persoas que reserven convites e non poidan asistir ao evento, poden comunicalo no teléfono 981 542 349 en horario de despacho de billetes. O público deberá acudir ao evento cunha antelación mínima de 15 minutos e o uso de máscara é obrigatorio durante todo o tempo que dure o espectáculo.