Ollo coas velutinas que andan a carón!
Verán. Tempo cando as velutinas andan máis activas atacando as colmeas e momento no que deberían empezar a facer os seus grandes niños no curuto das árbores. Porén, este 2020 tan raro que estamos tendo en todos os aspectos -tamén no climático- tamén está deixándonos a sensación de que a avespa asiática marchou, de que xa non anda entre nós coma outros anos. Pero non, segue polo territorio con igual ou máis forza, só que aínda está gardada nos niños primarios, moitos deles feitos en ribazos, tocóns ou ao abrigo de silveiras. Por iso é moi importante ter tino cando andemos rozando, apañando leños ou facendo calquera outro labor mecanizado nos nosos montes ou leiras. A Casa do Mel -con quen falamos esta mañá para ver como están as cousas- remarca moito que se deben tomar as máximas precaucións, como por exemplo levar roupa que nos protexa ben (aínda que pasemos calor), facer inspeccións minuciosas do sitio no que vaiamos traballar e incluso ter á man un spray insecticida como parte fundamental do equipamento de seguridade.
Manuel Ferreira, presidente da asociación Casa do Mel, comentaba hoxe a media mañá que a vespa velutina nigrithorax segue presente “en todas as zonas”, aínda que durante este ano “está retrasándose máis” debido, seguramente, ás condicións climáticas que houbo durante a primavera.
Ferreira explica tamén que no colmear didáctico da Cortiña xestionado pola entidade “levamos capturando velutinas dúas semanas, principalmente nas arpas eléctricas e non tanto nas trampas”, aínda que recoñece que en San Sadurniño polo momento non se están vendo os niños en altura que xa serían habituais neste tempo. Segundo el é tamén por causa desa eclosión máis tardía das colonias que, porén, non debe levarnos a pensar nunha baixada da súa incidencia nin tampouco do seu perigo.
En San Sadurniño sóubose de dous ataques no último mes relacionados con labores agrícolas e forestais, un en Bardaos o pasado 23 de xuño que requiriu atención no Centro de Saúde e outro este mesmo sábado en Igrexafeita, onde dúas persoas que recollían leña sufriron varias picadas, aínda que sen consecuencias e sen necesidade de acudir ao centro médico.
Manuel Ferreira explica que as velutinas seguen traballando nos seus niños primarios, situados en ribazos, debaixo de grandes depos ou ocultos no medio de silveiróns e matogueiras. Avanza que á volta de 15 días, se o tempo segue como agora, “sairán e empezarán a facer os niños secundarios nas árbores, que xa estamos vendo e retirando noutras zonas”.
O experto recorda que a avespa asiática non é especialmente agresiva a menos que se sinta ameazada. A imaxe que temos dela é tamén a das colonias situadas en eucaliptos, piñeiros, nogueiras… en aleiros de casas, pero reparamos pouco nesa outra vida que levan a carón e que as fai especialmente perigosas se batemos con elas co tractor ou coa rozadora de man.
Para non levar un perigosísimo susto, o que debemos facer sempre é mirar ben o sitio onde vaiamos traballar á procura de exemplares que poidan estar movéndose pola zona. En días de sol as velutinas son doadas de detectar observando o seu constante trafego de ida e volta, polo que cómpre perder cinco ou dez minutos de observación silenciosa e de aguzar o oído para sentilas. Iso non garante que non vaian estar aí, pero si pode ser un indicio de que o lugar posiblemente estea libre delas. É importante facer esa inspección previa en días soleados -incluso antes da xornada en que vaiamos facer o traballo-, dado que nas xornadas de chuvia, orballo ou neboeiro a actividade das avespas baixa considerablemente e poden pasarnos desapercibidas.
Atopémolas ou non, o fundamental é protexerse no momento de poñerse ao labor: levar buzo groso, luvas resistentes e a cara debidamente cuberta coa pantalla. Canto menos exposta estea a pel, mellor. Este consello vale tanto para as rozas que se fagan con máquina de mochila como para aquelas efectuadas con tractores, especialmente os que non teñan cabina. E, en calquera caso, “é moi recomendable levar con nós un spray contra a velutina que poidamos nebulizar para poder fuxir”, explica Ferreira. De igual modo, as persoas alérxicas deberán levar o medicamento que teñan receitado ante un eventual ataque.
E, que facemos se aínda con todas as precaucións acaban atacándonos? O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral -ISSGA- publicou un documento de prevención para traballos forestais que é de aplicación en calquera outra tarefa que se faga en montes ou ao pé da casa. Os consellos que se dán son os seguintes:
Fuxir o máis rápido posible e buscar refuxio en vehículos, edificacións, arbustos, cultivos mestos coma o millo, etc.
Mentres se escapa hai que procurar que as velutinas non nos ataquen en áreas sensibles da cara coma os ollos ou a parte traseira do pescozo, polo que se aconsella protexer esa zona coas mans ou a roupa.
Non se debe tentar eliminar as velutinas nin axitar os brazos para espantalas. Os movementos bruscos atráenas e crese que as avespas esmagadas desprenden un cheiro que atrae máis velutinas.
Se vemos que algunha persoa resulta atacada, non debemos achegarnos para axudar, senón que haberá que chamar ao 112 para que nos indiquen como actuar e para avisar os medios necesarios para que se trasladen ao lugar se fose necesario.
Se aparece un niño de velutina no alto dunha árbore ou en calquera outro lugar tampouco debemos achegarnos a menos de cinco metros. É fundamental non molestar as avespas con golpes ou movementos, nin moito menos tirar abaixo a árbore ou meterlle a rozadora. Cómpre avisar a todas as persoas que poidan estar traballando na zona, sinalizala e chamar ao 012 para comunicalo.
A vespa mandarinia dispara as visualizacións do documental producido polo Concello sobre a velutina
Unha das maneiras que temos de coñecer un pouco mellor a Vespa velutina nigrithorax e os seus costumes é por medio do vídeo “A avespa asiática, unha ameaza ambiental”, producido polo Concello de San Sadurniño en 2014.
A peza proxectouse en colexios, en charlas dentro e fóra de Galicia e incluso se utilizou como material gráfico para múltiples reportaxes de televisións de todo o mundo -La Sexta, Cuatro, TV3, Rai 3, a NHK do xapón, etc.-, aínda que é en youtube onde máis éxito colleitou, e máis aínda desde que nos Estados Unidos detectaron a presenza do avespón xigante asiático -vespa mandarinia-, que non ten nada que ver coa velutina.
De feito, o vídeo pasou de algo máis de 51.000 reproducións acumuladas a finais de 2019 a superar neste momento as 110.000. A maior parte do tráfico produciuse entre abril e maio deste ano, momento en que saltaron as alarmas en México, Colombia e Estados Unidos sobre a invasión de mandarinia. O número máis elevado de reproducións corresponde con este último país.