A programación está adaptada ás medidas de seguridade sanitarias recomendadas para evitar a propagación da COVID-19.
A Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, a través do servizo de Acción Social, pon en marcha o programa “Lecer saudable” dirixido á mocidade de 12 a 30 anos, que ten como obxectivo o
fomento de actividades relacionadas coa mellora dos hábitos saudables e o lecer construtivo. Este programa está cofinanciado pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. As actividades levaranse a cabo no mes de agosto, son gratuítas e terán prazas limitadas.
Nesta edición, a oferta comprende actividades de participación presencial, a maioría ao aire libre, e outras de modalidade “en liña”. Ofertaranse actividades como “Surf experience”, en que durante catro días as e os participantes se iniciarán no surf e no perfeccionamento da súa práctica; “Roteiro ambiental polo río Mandeo” cun percorrido guiado por plantacións en que se traballa na renovación do campo recuperando técnicas de agricultura tradicionais e ecolóxicas; “Roteiro de sendeirismo pola zona do estuario do río Anllóns (Ponteceso)” pasando polos castros da zona; “Xornada multiaventura de Rafting polo río Ulla” , e “Multideporte experience” en que durante catro días se practicarán deportes náuticos e de praia como pádel surf XXL, kaiak, voleibol praia… Todas estas actividades contemplan o transporte gratuíto ao lugar onde se desenvolverá a actividade.
Na modalidade presencial tamén se incluirán actividades como “Iniciación ao debuxo manga” e “Iniciación a youtuber” que terán lugar no Centro Cívico dos Rosales.
Na modalidade “en liña” realizaranse actividades de “Creación de curtametraxes con móbil”, “Creación e mantemento de blogues e páxinas web”, “Obradoiro de novos escritores”, “Obradoiro de rap”, “Cocíñao: taller de pizzas” e “Cociña temática: taller de “ tuppers” saudables”, entre outras.
A programación de todas as accións está adaptada ás medidas de seguridade sanitarias recomendadas para a prevención da propagación da COVID-19. As persoas participantes nas actividades presenciais terán que usar máscara de forma obrigatoria e deberán aceptar as condicións de participación no programa, que se poñerán no seu coñecemento antes do inicio de cada actividade.
A inscrición para estas actividades será “en liña”, a través da páxina web de servizos sociais do Concello da Coruña, https://www.coruna.gal/serviciossociales. Dentro da noticia de “Lecer saudable para mozos”, atoparase unha ligazón coas indicacións para a inscrición e un arquivo con información das actividades, das idades ás que van dirixidas, as datas de realización e os horarios.
A inscrición poderase facer das 08:00 horas do día 28 de xullo ás 24:00 horas do 30 de xullo, logo de cubrir os formularios indicados na ligazón de inscrición. As prazas cubriranse por orde de inscrición. A realización de actividades estará condicionada á existencia dun número mínimo de rexistradas/os que poderá variar segundo as características de cada unha das accións.